O BNG DE FOZ RECLAMA O XERIATRICO E ACUSA AO PP NA XUNTA DE SECTARISMO POLÍTICO
É inxustificable que Foz non conte a estas alturas cun Centro de Día
Para o BNG e para a maioría dos veciños, Foz ten tanta necesidade ou máis que calquera outra localidade da Mariña que actualmente non teña unha Residencia ou un Centro de Día: por historia, por territorio, por poboación, por número de maiores de 65 anos, pola súa ubicación e por moitas outras razóns. Ademais de ter os terreos cedidos á Xunta hai máis dun ano e porque a Xunta xa tiña previsto construíla xunto á de Viveiro. Agora e por decisión partidista do PP, Foz ten que esperar ou no peor dos casos ter que devolver os terreos ao Padroado do Asilo por non executar a obra en tempo e forma, co que isto significaría.
O BNG critica tamén a actitude do PP de Foz porque ou non se fan valer no seu partido ou é que o seu partido non os toma en serio ata o punto de que non só non calan diante desta afronta da Xunta a Foz senón, é o que aínda é máis grave, que xustifican e dan por boa esta decisión. Está claro que non defenden os intereses dos veciños de Foz e nestes momentos é onde se ven o valor e a valía dos políticos. O mínimo que se lle pode pedir a calquera representante municipal ou alguén que aspira a representar aos seus veciños nunha corporación local é defender os intereses destes, e o que está claro despois do que acontece coa Residencia é que para o PP local os seus veciños nada importan a non ser para roubarlles o voto. “Desde o BNG só esperamos que esta actitude do PP se lle teña en conta nas próximas eleccións municipais pois non é xustificable o silencio que practican diante deste agravio da Xunta”, apostilou Basanta.