O BNG DE FOZ CONSIDERA QUE AS DIRECTRICES DO TERRITORIO CASTIGAN A FOZ RELEGANDOO A UN PAPEL SECUNDARIO E HIPOTECANDO O SEU FUTURO
As directrices do territorio da Xunta castiga a Foz
As repercusións que esto vai a traer nun futuro para Foz van a ser moi negativas porque Foz pasa a ser de segunda para a Xunta e a cumprir un papel secundario. As directrices marcan dentro da clasificación de centros urbanos que acollerán as actuacións máis importantes, por exemplo en materia turística, como nodos principais a Ribadeo e Viveiro (seguindo a mesma gradación) e como nodo secundario a Foz, xunto con Burela. Desta maneira o expresa o documento: “Viveiro e Ribadeo aparecen como os núcleos de maior potencial para impulsar o desenvolvemento turístico da costa de Lugo, dinamizando o conxunto de asentamentos da Mariña lucense e das Rías Altas”. Esta degradación do status turístico de Foz é algo que rompe coa dinámica e coa consideración que Foz tivo historicamente como un centro turístico da Mariña, quedando nun segundo plano á hora de planificar infraestructuras e dotacións turísticas ou recibir axudas das distintas administracións.
Ademais, segundo Basanta, “o feito de que se clasifique como subcabeceira significa que o noso Concello non poderá acoller servizos de carácter supramunicipal (P. ex, un PAC) ou que a dotación de Vivendas de Protección Oficial ou de solo empresarial estea condicionada as necesidades das cabeceiras da Comarca”, quen criticou que outra vez máis “o PP na Xunta volve a discriminar a Foz e con esta decisión mándao a segunda división en canto a dotación de servizos”. Os nacionalistas esixen que a Xunta de Galiza aclare as razóns que a levaron a sencundarizar a Foz nas Directrices, que explique por que nas determinacións das mesmas se homologan os nodos e as subcabeceiras e demandan unha rectificación na consideración que se lle dá a Foz.
Sorprende tamén que dentro da clasificación dos núcleos de identidade do litoral, é dicir, asentamentos tradicionais costeiros que pola súa singularidade solicitan un tratamento específico, no caso de Foz baixo esta denominación só apareza o casco urbano de Foz, ignorando por exemplo outros asentamentos tradicionais como Nois, Fazouro ou Cangas. Particularmente grave é a ausencia do Porto de Nois como núcleo de identidade do litoral sobre todo se temos en conta que así estaba recoñecido no Plan de Ordenación do Litoral, documento ligado ás Directrices do Territorio. Consecuentemente, segundo o portavoz municipal do BNG, “moito nos tememos que finalmente tamén o POL non recoñeza a Nois como núcleo de identidade do litoral co agravio comparativo que esto supón”. Coa aprobación deste documento queda en suspenso tamén a promesa da Consellaría de Medio Ambiente feita á Corporación Municipal de incluír os núcleos de Vilaronte, Forxán (San Martiño), Fazouro, Nois e Cangas no Plan de Ordenación Litoral, unha petición e unha demanda que todos os grupos da corporación lle fixemos nas múltiples reunións que tivemos con ela.
O BNG esixirá no trámite parlamentario, antes da súa aprobación definitiva, unha explicación de porque se marxina a Foz desta maneira na planificación territorial da Xunta, como xa fixo o PP noutros plans (basta recordar o mapa sanitario). Pero tamén, demanda urxentemente unha posición clara do PP a nivel local porque non se pode defender en Foz unha cousa e logo dar por boa a contraria nin estar enganando á xente dicindo que fan moitas xestións co PP da Xunta para mellorar Foz e despois calen desta maneira diante dun agravio tan prexudicial onde se está xogando o futuro do noso Concello. Basanta é claro nas súas palabras: “O PP non pode estar xogando continuamente con dúas barallas. Ou o PP de Foz está cos intereses do Concello e dos veciños ou está coa Xunta nesta nova afrenta a Foz. O PP local ten unha nova ocasión para demostrar o peso que ten realmente na Xunta esixindo unha rectificación no trámite parlamentario, como así a imos a esixir nós”.