A CORPORACIÓN DE FOZ DENUNCIA E CONDENA AS ACCIÓNS DO REINO DE MARROCOS CONTRA O POBO SAHARAUI E DEFENDE A SÚA AUTODETERMINACIÓN
O Sahara libre de ocupación
A resposta de Marrocos foi cercar militarmente o campamento con forzas policiais e militares nun intento, primeiro, de amedrentar e, logo, estrangular por fame a contestación sahariana non dubidando, como ocorreu hai días, en disparar contra adolescentes e asasinando a un rapaz de 14 anos cando se dirixía ao campamento xunto con outros parentes e amigos.
O exército e a policía invadiron o campamento mallando na poboación sahariana con brutalidade extrema, recorrendo mesmo ao lanzamento de gases lacrimóxenos e chorros de auga quente utilizando vehículos e helicópteros. Desde hai varias días, a prensa estranxeira ten prohibido o acceso ao campamento, nun vano intento de impedir que se coñecese o que alí ocorre.
Este ataque é a última barbarie do ocupante marroquí que nos últimos días iniciou tamén o xuízo contra os militantes saharianos coñecidos como os “sete de Casablanca”. Todo isto está a ocorrer cando se están a cumprir 35 anos da oprobiosa entrega do Sahara Occidental a Marrocos e Mauritania por parte do Estado Español. Trinta e cinco aniversario do Tratado de Madrid e da invasión do Sahara Occidental que Marrocos denominou como “marcha verde”.
Ao final, todos os grupos aprobamos os seguintes ACORDOS:
1.- Denunciar e condenar a invasión do campamento de Agadym Iciq, brindando todo o seu apoio e solidariedade á poboación sahariana tan brutalmente agredida condenando e lamentando as mortes producidas.
2.- Denunciar e condenar ao Reino de Marrocos por esta nova acción que pretende evitar que o Pobo do Sahara dos territorios ocupados poida reivindicar os seus dereitos, sexan estes individuais ou colectivos.
3.- Manifestar a necesidade de que o goberno central, a UE e a ONU se involucren activamente na resolución pacífica deste conflicto.
4.-Manifestar o respaldo ao dereito do pobo saharaui á autodeterminación que lle conceden reiteradas resolucións da Asemblea Xeral e do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, que se exercerá por medio dun referendo libre, xusto, imparcial e baixo a tutela das Nacións Unidas.
5.- Enviar estes acordos ao Goberno do Estado, ao Parlamento Galego e grupos da Cámara, ao Parlamento Europeo, á Embaixada de Marrocos no Estado Español, á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e a Delegación Saharaui de España.