O BNG DE FOZ VE NECESARIO AMPLIAR A ESCOLA INFANTIL DE FOZ
Galescola de Foz
Cando se realizou a obra desta escola infantil, grazas á colaboración entre Concello de Foz e Xunta de Galiza, o piso superior quedou sen acondicionar e sen dotalo dos medios necesarios para habilitalo como aula onde os nenos e nenas puideran desenvolver as súas actividades. Da mesma maneira, deixouse a terraza do edificio sen as medidas de seguridade oportunas e sen pechar, co que se limita grandemente o seu uso, sobre todo no inverno.
Desde o BNG vemos necesario seguir mellorando un servizo básico para os veciños de Foz e da Mariña e que repercute tan positivamente na educación dos máis pequenos así como nas condicións de vida dos seus pais e nais.
Por este motivo, o grupo municipal do BNG presentou unha moción en Pleno para instar ao Concello e a Xunta de Galiza para que se poñan de acordo en acondicionar o piso superior da escola infantil de Foz, situada no antigo Hotel Bahía e dotalo dos medios necesarios para o seu uso como aula. Así mesmo, na mesma moción faise un chamamento ao Concello e a Xunta de Galiza para realizar o peche da terraza e o seu acondicionamento para a súa utilización como aula do centro onde os nenos e nenas poidan estar aínda con mal tempo e de forma segura.