Redacción. Fisterra.- Este verán non deixaron de chegar á nosa redacción queixas dos veciños de Fisterra, alertando da gran cantidade de lixo que nestes meses de tempada alta se acumulaba nas esquinas e rúas da nosa tan fermosa coma universal vila. Decidimos pendurar aquí a imaxe dun só dos casos, mais quizais tamén un dos máis graves. Este é o panorama que se atopa o transeúnte día si, día tamén no antano corazón da vila. A situación empeora cando chove ou fai calor, días nos que a situación empeora e se xera unha atmósfera de insalubridade que atenta contra a hixiene, a boa imaxe da vila, e contra a calidade de vida dos fisterráns. Os veciños da Praza están xa bastante fartos de que, polo motivo que sexa, o seu antigo espazo de lecer pasara a converterse, primeiro nun aparcadoiro, e agora pouco menos que no vertedoiro municipal. Está moi ben que se abra o pavimento para colocar contedores de reciclaxe, mais tamén hai que ter en conta que a Praza, no centro do casco histórico e polo tanto na zona máis densamente poboada, precisa algo máis que un contedor por cada cincocentos habitantes. A mesma situación atopámola nos outros puntos quentes da porcallada urbana de Fisterra: nos contedores da Mixirica, nos arredores do Peirao ou na Rúa Real.
Non sabemos se os nosos líderes, comodamente sentados nos seus despachos oficiais, son conscientes da situación real pola que está a pasar Fisterra, ou se pola contra sofren o coñecido coma Síndrome de Dióxenes. De feito, na redacción estamos pensando xa en chamar ao programa "Callejeros", porque a nosa vila avanza a pasos axigantados cara un novo récord Guinness. O goberno municipal non só non é quen de poñer remedio a esta situación, senón que sinxelamente carecemos dun proxecto integral de hixiene e limpeza urbana, algo que dende fai moitos anos os fisterráns estamos a situar entre as nosas principais prioridades. Tanto, que cada vez estamos máis lonxe de afastar de nós a nefasta imaxe de "vila porca" que dende fai anos colleitamos por culpa dos nosos gobernantes. Os veciños non son culpables desta situación; corresponde ás autoridades poñer os medios necesarios para 1) concienciar á cidadanía da necesidade de ter unha vila limpa e de reciclar os nosos residuos, 2) elaborar algún programa de concienciación a través do cal se premie dalgún xeito ós cidadáns ou ás rúas máis limpas e que cumplan mellor as normativas e recomendacións sobre limpeza e reciclaxe, 3) Contratar máis persoal se fora preciso, ou reforzar dalgún xeito as brigadas de limpeza nas tempadas de maior risco (tempadas altas en Nadal, Semana Santa, meses de verán e datas concretas de festas ou eventos); 4) Buscar unha solución para que os contedores non emporcallen a imaxe do Casco Histórico e doutras zonas turísticas, procurando solucións alternativas coma ampliar o espazo subterráneo dos contedores de reciclaxe da Praza e do Faro e construír outros novos nas zonas das aforas, ou en lugares preto da Zona Vella pero non nos seus lugares máis emblemáticos; 5) Manter limpos os contedores e o seu entorno cuns cantos disparos de auga a presión de vez en cando para que o pavimento non se convirta nunha noxenta masa de xugos derivados da podredume, desagradables cheiros a prea, e criadeiros de mosquitos e moscas de exóticas cores irisadas; 6) instalar máis papeleiras nas rúas, nos entornos das praias e espazos turísticos; e 7) impoñer multas para as persoas que cisquen lixo en zonas coma o Faro, o Monte do Cabo ou Mar de Fóra, onde o incipiente turismo está a provocar estragos nese senso. Aínda entendendo que a cidadanía de Fisterra ten que mirar pola súa comodidade, estamos seguros de que, polo ben común e pola boa imaxe e a hixiene da nosa vila, estarán dispostos a sumir a parte que lles toca e, con pequenos esforzos do día a día, ir mellorando todos xuntos cara unha vila máis limpa e, polo tanto, unha vila mellor. Iso si, antes ten que haber un verdadeiro compromiso das nosas autoridades, e unha inversión seria para atallar canto antes un problema que se remonta a décadas. Xa sabemos que hai crise, pero tamén temos claro que a nosa saúde e a dos nosos fillos, así como a imaxe da nosa vila de cara ó mundo son prioridades e constitúen piares fundamentais do noso futuro e do noso progreso. A nosa situación non é digna do século XXI. Estamos fartos de que o lixo sexa un elemento tradicional da nosa cultura. No nome de tódolos fisterráns: ¡Xa basta! ¡Fóra o lixo das rúas de Fisterra! [...]