Novas

  

FOTODENUNCIA: A milla verde

Esta semana, un grupo de control do BNG fixo acto de presencia no paseo marítimo da Langosteira por mor das diversas queixas recibidas por parte da veciñanza da Anchoa. Cal non sería a sorpresa dos nosos compañeiros cando atoparon, na ponte pequena do Río Grande, un arranxo a guisa de "chapuza gallega" do máis sorprendente. Cando a imaxe chegou fresquiña á nosa redacción, e unha vez superada a estupefacción inicial, o primeiro que fixemos foi comprobar se estabamos ante unha fotomontaxe, obra dunha broma pesada dos nosos compañeiros. Por suposto, e coñecendo a incompetencia -case nos atreveriamos a dicir que innata- do concelleiro de obras públicas, o señor Ramón Redonda, non foi difícil convencernos de que a imaxe era tristemente real. Despois de que o voceiro do BNG de Fisterra, Modesto Fraga, enviara unha nota de prensa, da que xa se fixeron eco algúns medios, denunciando a situación, reiteramos a nosa esixencia ó goberno municipal para que sexa consciente de que xa non estamos a falar dunha cuestión de estética, ecoloxía, paisaxismo ou hixiene urbana -coma xa é habitual-, senón que se trata dunha mostra de incompetencia gravísima e imperdoable que pon en risco a seguridade dos viandantes que, a centos, percorren o paseo a diario. Do mesmo xeito que a milla verde, pode que algún día o paseo marítimo sexa a derradeira camiñata para algún fisterrán ou visitante. Dende logo, sospeitamos que a "chafulada" non vai aguantar moito tal coma está, e despois a ver quen asume a responsabilidade cando aconteza unha desgracia. [+]


Modesto Fraga esixe un criterio social nas contratacións do Concello

POLÍTICA LOCAL- O voceiro do Bloque Nacionalista Galego en Fisterra, Modesto Fraga, pediu información a pasada semana sobre a contratación de persoal ligado ó Programa de Cooperación da Xunta de Galicia co gallo de evitar discriminacións e para que o Concello se ciña ós criterios esixidos pola Consellería de Traballo. A información solicitada céntrase nos postos de Protección Civil e socorrismo. (FOTO: La Voz de Galicia) [+]


BREVES: O Bloque participará na vindeira Festa do Longueirón

CULTURA- Coma xa vén sendo tradicional, a Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego decidiu participar activamente na vindeira Festa do Longueirón, coma ven facendo dende as orixes da cita gastronómica. O Bloque instalará unha caseta na que se poderán degustar as mellores especialidades baseadas no noso símbolo gastronómico. A festa celebrarase, coma tódolos anos, o primeiro fin de semana de agosto na Enseada da Ribeira, na capital municipal. A militancia e os simpatizantes da formación frentista serán os encargados de atender ás multitudes que de seguro vistarán a caseta, unha das máis clásicas nesta festa. [+]


Os novos concelleiros do BNG inician a lexislatura con forza

POLÍTICA LOCAL. Cumprindo co seu firme compromiso de levar a cabo unha oposición forte e constante ó longo dos catro anos desta nova lexislatura, os novos concelleiros do BNG no pleno de Fisterra -Modesto Fraga e Germán Martínez- comezaron xa a traballar publicamente en nome do BNG, esixindo ó concello que informe á cidadanía sobre a contratación do persoal de limpeza de praias, e denunciando na prensa a lamentable situación ecolóxico da praia de Sardiñeiro. O pasado mes de xuño, Galiza Nova publicara tamén unha nota de prensa denunciando a perda da Bandeira Azul da Praia da Langosteira, e a carenza de mantemento das instalacións do referido areal. [+]


O BNG desmonta as mentiras do Concello sobre a gardería municipal

Nunha nota de prensa emitida o día 18 do presente mes, Modesto Fraga ponnos ó día dun novo escándalo preelectoral do goberno do PP. [+]


Membros da lista manterán xuntanzas cos colexios e institutos do Concello

BREVES- NOVAS DO PARTIDO

Membros da lista electoral do BNG, entre os que se contan Modesto Fraga, Germán Martínez e Xoán Silva; manterán diversas xuntanzas coa maioría dos equipos directivos dos colexios e institutos do Concello de Fisterra. O obxectivo destas xuntanzas, que se efectuarán nas vindeiras semanas, é recompilar información sobre o estado das instalacións dos centros educativos, co gallo de incluír no programa a mellora e mantemento destes espazos. Trátase doutra iniciativa integrada no afán modernizador do BNG, que ten coma un dos seus obxectivos primordiais de goberno a mellora nas condicións culturais e formativas da vila. [+]