Modesto Fraga esixe un criterio social nas contratacións do Concello
Fisterra, 10 de xullo de 2011
XSP.redación- O pasado 7 de xullo, Modesto Fraga presentaba nas oficinas do concello un novo escrito referente ás tradicionais labouras estivais de contratación de persoal, co gallo de loitar pola transparencia e a legalidade no seo de ditos procedementos. No escrito, que foi depositado en persoa polo voceiro do partido en Fisterra, lémbraselle ó goberno municipal que, segundo o artigo 13.1, parágrafo 3, da Orde do 30 de decembro de 2010 da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se estabelece o Programa de Cooperación segundo o que se regulan estas contratacións, terán preferencia para eses postos de traballo os colectivos máis desfavorecidos, a saber: 1) mulleres vítimas de violencia de xénero, 2) menores de 30 anos demandantes do primeiro emprego, 3) persoas con discapacidade, 4) parados de longa duración, 5) persoas sen subsidios, 5) parados maiores de 45 anos, 6) integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, así coma aqueles que teñan menor nivel de protección de desemprego e responsabilidades familiares.
Non é a primeira vez que o BNG pide información ó concello sobre as contratacións estivais nesta lexislatura. Apenas uns días despois do pleno de investidura, os representantes da formación frentista solicitaron por escrito ó concello que lle facilitara tódolos datos sobre o persoal contratado para a limpeza de praias, os procedementos que se seguiron, os criterios que se valoraban, e o nome dos membros da comisión encargada de levar a cabo todo o proceso. Desta volta, sen embargo, o escrito céntrase naqueles postos derivados da materialización dos Programas de Cooperación da Consellería de Traballo e Benestar, concretamente nos de Protección Civil e os socorristas. O escrito lembra a importancia destes postos de traballo, pois axudan a evitar "incidentes ambientais [...] amais de garantir a seguridade dos numerosos usuarios das nosas praias".
Nunhas declaracións efectuadas á saída das dependencias municipais, Modesto Fraga amosouse preocupado pola limpeza e transparencia nas contratacións, e reafirmouse na súa convicción de que dende o goberno é preciso manter informada á oposición e á cidadanía: "a nosa responsabilidade dende a oposición é esixir do goberno municipal toda a informacíón que precisemos para controlar o traballo do concello, tanto se lle gusta coma se non".