Os novos concelleiros do BNG inician a lexislatura con forza

XSP. Redacción- O pasado venres, 1 de xullo, tomaban posesión dos seus cargos os novos concelleiros saídos das eleccións do pasado 22 de maio. Os dous novos concelleiros do BNG -Modesto Fraga e Germán Martínez- en calidade de voceiros da formación frentista, levaron xa a cabo varias accións políticas en nome do partido e da cidadanía de Fisterra. Comezan a cumprir así o compromiso de facer unha oposición forte e constante no caso de non ter sido elixidos para un eventual goberno municipal. Despois do acto de forza e da feroz resistencia mantida nas urnas o 22 de maio, que amosou que o BNG está máis forte que nunca no noso concello, o partido quere aproveitar a enerxía da militancia para seguir traballando a prol de Fisterra e loitar así para que o goberno municipal cumpra cos seus deberes coa vila que lle otorgou unha vez máis a maioría absoluta.

Contratacións estivais- O voceiro do BNG de Fisterra, Modesto Fraga, presentou xa antes da toma de posesión do pasado venres un escrito solicitando ó concello que informe á oposición dos criterios que se van seguir para a contratación dos empregados de limpeza de praias para este verán. A Deputación outorga este ano unha cuantía de 28.000 euros para a contratación deste persoal, o que amosa un feito claro que o goberno municipal prefire non lembrar demasiado: que non é cos cartos do alcalde nin do concello cos que se contrata ó persoal da tempada de verán, senón que son cartos que veñen "de arriba", e que polo tanto habería que ver como estarían as nosas praias se non existiran este tipo de subvencións. Neste senso, no escrito esíxese ó concello que evite todo tipo de favoritismo e avogue por unha política de contratación solidaria, que beneficie ós sectores máis desfavorecidos da vila: "desde o BNG entendemos que o concello de Fisterra debe aproveitar este tipo de subvencións para, por unha banda, axudar ás persoas que por mor da crise económica e a falta de traballo se atopan en situación de desamparo e, por outra, favorecer a inserción laboral dos sectores máis desfavorecidos da nosa sociedade (parados de longa duración, persoas en risco de exclusión, mulleres, persoas con discapacidade, mozos/as, vítimas de violencia machista...)". Así, no escrito pídeselle ó goberno municipal que facilite ó BNG e á cidadanía as datas e prazos para a solicitude destes postos de emprego, e que se lle comunique a tódolos veciños e veciñas para evitar deste xeito as políticas de favoritismo que tan a miúdo estamos acostumados a intuir; ademais, esíxeselle que informe dos criterios de selección que van seguir, de quen vai formar parte da comisión de selección do referido persoal, e de cal vai ser a duración dos contratos.

Contaminación na Praia de Sardiñeiro- Noutra orde de cousas, o voceiro do BNG -Modesto Fraga- ven de enviar á prensa na pasada semana unha nota de prensa amosando a preocupación de gran parte da cidadanía pola grave situación de contaminación que está a sufrir a Praia de Sardiñeiro. Fai uns días coñeciamos os resultados das análises que o Departamento de Saúde Ambiental da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia realizou o pasado mes para controlar a calidade das augas das praias galegas. Os resultados son certamente preocupantes, posto que na primeira análise, realizada o día 13 de xuño, daban unha cifra de 1.200/ml en enterococo intestinal, ademais de 2.500/ml en escherichia coli, bacterias prexudiciais para a saúde, "polo que non é de estrañar que a propia Consellería de Sanidade chegase a aconsellar o peche temporal da referida praia", reza no escrito. Asemade, na análise posterior -con data do 20 de xuño-, os resultados eran de 1400/ml e 1.300/ml, respectivamente. Estes datos amosan notables diferenzas con respecto a outros areais próximos (Quenxe -Corcubión: 10/ml e 14/ml, respectivamente; Estorde -Cée-: 10/ml e 18/ml) e outros do Concello de Fisterra (Corveiro: 1/ml e 1/ml, respectivamente), e mesmo con outras praias en risco coma a Concha -núcleo urbano de Cée- que pasou dos 1.100/ml en enterococo intestinal e 3.500/ml en escherichia coli da análise do día 13, ós 90 e 30 por mililitro respectivamente da análise do día 20 de xuño. Para o BNG, a situación é máis preocupante en canto o concello de Fisterra viuse beneficiado o pasado 4 de febreiro por un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para construír unha estación de bombeo de augas residuais en Sardiñeiro cun coste de máis de 960.000 euros, financiados pola Consellería de Media Ambiente. Coma consta no escrito emitido polo BNg de Fisterra e asinado polo seu voceiro, "malia ser o noso municipio un dos pobos da Costa da Moret (e de Galicia) con maior número de praias, e de contar, ademais, con algún dos encraves xeográficos máis excepcionais do territorio galego [...], aínda non somos quen de saber aproveitar todo ese potencial de riqueza e progreso de maneira responsábel e intelixente". O escrito fai ademais un chamamento ó goberno municipal para que sexa consciente canto antes de que o sector do turismo tense convertido "nun dos motores principais -e de maior futuro- do noso desenvolvemento económico e social a curto, medio e longo prazo", esixindo polo tanto que tome as medidas necesarias para gantir o bo mantemento das praias e o saneamento das augas residuais que están a contaminar a praia de Sardiñeiro, podendo chegar a supoñer algún risco para a saúde dos seus usuarios. Fraga lamenta, ademais, a "irresponsabilidade do goberno municipal" por non ter advertido á cidadanía desta situación, e por non colocar no areal algún tipo de indicador -aínda que sexa de xeito temporal- para advertir da situación e da calidade das augas. O BNG acusa así ó concello de non facer honor coa súa xestión á etiqueta de Patrimonio Europeo que detenta o noso municipio, e que polo de agora só serviu coma escusa para que o noso rexedor viaxara por Centroeuropa a gastos pagos. No escrito, amósase a confianza do BNG en que esta situación non represente polo de agora ningún risco para a saúde, posto que o límite en canto a estas bacterias está situado en 1.500/ml. Aínda así, Fraga afirma que "toda precaución é pouca, sobre todo cando o que está en xogo son asuntos relacionados coa saúde pública de tódolos cidadáns e cidadás.

Perda da Bandeira Azul- En relación con este tema, Galiza Nova de Fisterra xa fixera pública unha nota de prensa o pasado mes de xuño co gallo de denunciar as consecuencias da primeira e lamentable nova reseñable despois do 22 de maio: a perda da Bandeira Azul da Praia da Langosteira. Os mozos e mozas do BNG lamentan esta situación e acusan ó goberno municipal de deslealdade e de falta de ética política por "levar o mantemento do areal e das súas infraestruturas ata mínimos históricos" co obxectivo de agasallar con esta mala nova a un posible goberno de esquerdas saído das urnas do pasado 22 de maio. Esixen que se poña en marcha canto antes un programa de mantemento con persoal fixo todo o ano, con especial reforzo nas tempadas altas, que se repare o equipamento danado (pavimento do paseo marítimo, accesos, papeleiras, pontes, aparcadoiros) e que se dote ó paseo dunar dun sistema de iluminación. Entenden que somentes deste xeito se garantirá, non só a perpetuidade da Bandeira Azul, senón tamen "o pleno disfrute dos veciños e veraneantes que queiran facer uso deste fermoso areal".

 

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]