Fene, 29 de setembro de 2012. O pasado 26 de setembro cumpríronse 30 anos desde a formación do Bloque Nacionalista Galego na Asemblea de Riazor. Para celebralo, o candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, partipará nunha charla-coloquio que se celebrará este luns, 1 de outubro, no Círculo de Perlío, a partir das 20 horas.
Ares, 27 de setembro de 2012. A Asemblea Local do BNG de Ares vén de valorar a actitude adoptada polo alcalde de Ares – negándose a incluir algunhas mocións do BNG aos debates plenarios –como unha situación antidemocrática que evidencia que, como resultado do pacto de goberno que o PSOE está a manter co ex-portavoz do PP, Luis Cendán, o goberno municipal fica contaminado das peores formas que o agora “socio” do PSOE praticou durante os oito anos que estivo no goberno.
San Sadurniño, 25 de setembro de 2012. A comezos de decembro iniciaranse as obras de rehabilitación das antigas escolas do Eirexado, en Naraío, e das Loibas, en Bardaos. O Concello de San Sadurniño preparou un proxecto pioneiro en Galicia que prevé converter estes inmobles en desuso en vivendas sociais. A idea vén de vello e agora o goberno local obtivo o financiamento necesario para levala a cabo. Está previsto investir arredor de 60.000 euros en cada unha das escolas, provenientes do plan provincial PCT 94 que lle suporá a San Sadurniño unha achega lixeiramente superior aos 200.000 euros para obras e investimentos. A iniciativa municipal permitirá, ademais, darlle emprego nos traballos a cinco persoas durante uns seis meses.
Fene, 2 de outubro 2012. O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, advertiu en Fene de que “cos Orzamentos do Estado para 2013 o goberno do PP non trae para o naval de Ferrolterra nin dique flotante nin carga de traballo” e que a súa herdanza despois de 3 anos de goberno “son 10.000 postos de traballo destruídos no sector”. Jorquera participou onte, no Círculo de Perlío, nunha charla-coloquio sobre as propostas do BNG, na que tamén interviron, Manuel Polo, portavoz municipal, e Fernando Branco, candidato do BNG pola comarca. Presentado pola responsábel local, Digna Faraldo, no acto participaron persoas da comarca afectadas pola crise que viven os sectores económicos máis representativos (naval e marisqueo). [...]