San Sadurniño converterá en vivendas sociais as escolas do Eirexado e de Bardaos

San Sadurniño, 25 de setembro de 2012. A comezos de decembro iniciaranse as obras de rehabilitación das antigas escolas do Eirexado, en Naraío, e das Loibas, en Bardaos. O Concello de San Sadurniño preparou un proxecto pioneiro en Galicia que prevé converter estes inmobles en desuso en vivendas sociais. A idea vén de vello e agora o goberno local obtivo o financiamento necesario para levala a cabo. Está previsto investir arredor de 60.000 euros en cada unha das escolas, provenientes do plan provincial PCT 94 que lle suporá a San Sadurniño unha achega lixeiramente superior aos 200.000 euros para obras e investimentos. A iniciativa municipal permitirá, ademais, darlle emprego nos traballos a cinco persoas durante uns seis meses.

San Sadurniño busca, desta maneira, dous obxectivos. Por unha banda por en valor un patrimonio que está practicamente en desuso e, por outra, contribuír á creación de emprego no concello. Os proxectos de rehabilitación das dúas escolas están xa elaborados e recollen as características que terán as futuras vivendas unifamiliares. Respectarase no posible a estrutura existente e sustituiranse todos os elementos en mal estado, aproveitando para facer divisións e incorporar elementos de eficiencia enerxética como paneis solares, cociña calefactora ou, como no caso de Naraío, unha galería orientada ao sur que axude a caldear a casa no inverno.

Segundo o alcalde, Secundino García, “non se trata dunha simple rehabilitación, senón que buscamos converter as escolas en vivendas confortables, duradeiras e con todos os servizos necesarios”. O proxecto cifra as intervencións en Bardaos e Naraío en 127.343 euros. O Concello vai facer as obras por administración, é dicir, mercando os materiais e contratando o persoal necesario. “Desta maneira sae máis barato e, ademais, permitiranos crear cinco postos de traballo durante uns seis meses para persoas que nestes momentos estean no paro”, explica o alcalde.

Os cartos proveñen do PCT 94, un plan provincial que reserva para San Sadurniño 200.610 euros que se destinarán a este proxecto pero tamén á pavimentación e recollida de pluviais do contorno do pavillón, uns 54.000 euros, e a gasto corrente os restantes 18.700. O Concello convocou para o mércores que vén un pleno extraordinario que leva entre os puntos da orde do día a aprobación destes investimentos.

Vivendas sociais


O Concello de San Sadurniño fala do proxecto como un investimento “útil, sustentable e socialmente necesario” que, segundo as contas do goberno local, “terá un custe cero a medio prazo para as arcas municipais”. Unha vez que se executen as obras -que deberán comezar en decembro e estar listas en xuño do ano que vén- a intención do executivo local é abrir un proceso de alleamento e despois “vendelas a prezo de custe”, xa que, tal e como informa o alcalde “queremos contribuír a fixar poboación nova no territorio ofrecendo inicialmente dúas construcións de calidade polo seu prezo real”. Secundino García apunta a este respecto que as escolas rehabilitadas, unha vez ocupadas, “deixarían de ser un gasto para o Concello e pasarían a xerar ingresos a través do IBI ou o lixo, por exemplo”.

Sobre as condicións de acceso aos novos inmobles, o Concello quere destinar as novas vivendas “dándolle prioridade a familias e xente moza de San Sadurniño” e insiste en que “Non vai haber poxas nin especulación cun ben de primeira necesidade como é a vivenda: o prezo sairá do custe de rehabilitación e da valoración obxectiva do chan e, en ningún caso, superará o establecido para calquera vivenda de protección oficial; poderíamos estar falando dun prezo de venda duns 75.000 euros. Chegado o momento publicaranse as bases cos requisitos que as familias deberán cumprir para optar a estas vivendas. ”

Se o proxecto sae como está previsto, o goberno local quere continualo con outros inmobles municipais. “Ademais das escolas de Bardaos e de Naraío, o Concello tamén posúe a de Ferreira de riba, a de Igrexafeita e a de Silvalonga que están en desuso e algunhas nun estado ruinoso e que serían susceptibles de converterse en vivendas reinvestindo os cartos recuperados coa venda dos dous primeiros inmobles.”

A escola das Loibas está completamente abandonada, mentres que a de Naraío funciona como local de ensaio e como lugar no que se imparten clases de ximnasia de mantemento para persoas maiores. A este respecto, o alcalde sinalou que as actividades que se viñan desenvolvendo na antiga escola do Eirexado “trasladaranse ao local social da Veiga, moito mellor equipado e con maiores posibilidades”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]