O goberno de Ares impide o debate de mocións do BNG sobre urbanismo e sobre a paga extra dos funcionarios
Ares, 27 de setembro de 2012. A Asemblea Local do BNG de Ares vén de valorar a actitude adoptada polo alcalde de Ares – negándose a incluir algunhas mocións do BNG aos debates plenarios –como unha situación antidemocrática que evidencia que, como resultado do pacto de goberno que o PSOE está a manter co ex-portavoz do PP, Luis Cendán, o goberno municipal fica contaminado das peores formas que o agora “socio” do PSOE praticou durante os oito anos que estivo no goberno.
O acalde decidiu non incluir na orde do día do pleno que o concello celebrará hoxe xoves 27 mocións que, curiosamente, teñen a ver con cuestións urxentes e prioritarias; como é a situación na tramitación do PXOM ( incluidas as contrapartidas económicas derivadas para Luis Cendán e outro membro do seu grupo polo suposto apoio ) ou os acordos municipais para procurar a compensación pola perda do poder adquisitivo do persoal municipal.
Unha situación que resulta esperpéntica, por cando o PSOE ten aprobado na prática totalidade dos concellos da comarca a mesma proposta; cando aquí impede mesmo o seu debate; e que demostra claramente que a máxima autoridade municipal ten perdido completamente os papeis: escreber e predicar sobre supostos principios progresitas, mentras que pratica a máis rancia política antidemocrática, impedindo a defensa dos intereses veciñais.
Os feitos acontecidos no pleno ordinario do pasado mes de Xullo ( o de Agosto non se convocou ) ou a negativa a respostar unha pregunta sobre o abastecimento a Cervás ao concelleiro do BNG na última Comisión de Obras, demostran un talante instalado na arrogancia, no desprezo aos mínimos de tolerancia e participación; amparado nun pacto – o acordo con NAL – que temos que pagar todos os cidadáns de Ares, mentras non se atenden os servizos básicos da veciñanza.