Boletín Especial sobre o temporal da noite do 23 "Novas de San Sadurniño, xaneiro 2009"
San Sadurniños, 28 de xaneiro de 2009. O temporal da noite do 23 para o 24 de xaneiro deixou unha pegada impresionante en todo o norte de Galicia, e nomeadamente no noso Concello, onde afectou, con maior ou menor intensidade, a todos e cada un dos seus habitantes.
As desfeitas detectadas foron innumerables, sobre todo en tellados e vivendas, así como coa caída de árbores, a rotura dos tendidos e a afectación ás vías municipais. Á súa vez isto provocou outra serie de importantes problemas coma a falta prolongada da electricidade e do teléfono, a paralización das actividades educativas, as deficiencias nos servizos sanitarios e administrativos, o peche ou alteración das actividades empresariais, as dificultades nas comunicacións rodadas, e en definitiva un conxunto de contratempos salientables na vida cotiá
de todos os veciños e veciñas do noso municipio.
Isto foi froito dunha situación meteorolóxica excepcional, para a cal a “vida moderna” non está preparada. En todo caso, a cidadanía ten o dereito de gozar duns servizos seguros e de calidade, e pode reclamar, a quen corresponda en cada caso, polos danos que se puidesen producir.
Asemade, cumprindo co seu deber, as distintas administracións públicas están a traballar a reo para solucionar, no menor prazo de tempo posible, todos os problemas producidos e minimizar as súas consecuencias negativas. Igualmente, a maioría dos veciños e veciñas tiveron que traballar moito durante estes días para tentar voltar á normalidade, e foron bastantes os que colaboraron desinteresadamente cos
servizos municipais á hora de abrir pistas e amañar desperfectos.
O Concello quere, polo tanto, recoñecer a inmensa valía desta axuda e agradécelle a toda a cidadanía a súa activa colaboración nunha situación tan excepcional como a que tivemos que vivir. Ora ben, tamén é o momento de tirar conclusións e aprendizaxes para que a vindeira vez que nos afecte un episodio meteorolóxico adverso e excepcional, desta ou doutra caste, provoque o menor número de problemas e contratempos posible.
E para iso cómpre tomarmos as correspondentes MEDIDAS PREVENTIVAS. Debemos ter en conta o que pode chegar a pasar, e planificar as nosas actuacións de maneira que eliminen ou reduzan os riscos ós que podemos estar expostos.