Excursión ao País Vasco do Centro de Persoas Maiores
Culleredo.- 19 de outubro de 2009.- O programa de actividades para maiores que organiza o Concello de Culleredo segue a contar co beneplácito dos veciños. Máis dun centenar visitaron as terras do País Vasco entre o 6 e o 9 de outubro pasados. Os participantes recorreron tanto cidades como Bilbao ou San Sebastián como as paisaxes naturais máis características de Euskadi.
“O número de asistentes demostra o éxito que teñen estes viaxes entre os veciños. É unha actividade moi demandada”, sostén a primeira tenente de alcalde, a nacionalista Raquel Jabares. O departamento que dirixe, a Concellaría de Benestar Social, impulsa as excursións co obxectivo de que os maiores de Culleredo coñezan outras culturas. Ademais, explica a edil, a visita serviu para que moitos dos asistentes se interrelacionaran, xa que se trata dunha das iniciativas na que acoden os residentes de todas as parroquias do municipio. Outros programas desenvólvense de forma independente en cada unha delas.
Participación veciñal
Pola súa banda, o pasado venres, 16 de outubro, comezaron os “Venres de baile” que teñen lugar o terceiro venres de cada mes no Centro Cultural de Vilaboa. O programa conta tamén cunha excelente acollida entre os maiores que residen no termo municipal, posto que a primeira sesión xa xuntou ao redor de 70.
Tanto a actividade de bailes coma as viaxes son deseñadas polo Concello en colaboración cos propios beneficiarios dos programas. Jabares apunta que as iniciativas para os maiores “planifícanse na asemblea de maiores, na que todos os veciños desa idade teñen voz e voto para involucrarse na elaboración da programación”.
O mecanismo responde á aposta do equipo de goberno por fomentar a participación veciñal a todos os niveis.