Actividades do Centro de Maiores

O Centro de Maiores celebra un novo baile en Vilaboa

Culleredo, 16/11/09. Os maiores cullerdenses celebrarán o vindeiro venres 20 de novembro unha nova edición do seu tradicional baile. O evento festivo, que habitualmente reúne a decenas de veciños, desenvolverase a partir das cinco e media da tarde no centro cultural de Vilaboa, ubicado na Nacional 550, a poucos metros do pazo de Villa Melania.

Nesta ocasión, os maiores que se acheguen ata o núcleo urbano poderán desfrutar dos sons ofrecidos polo Dúo Fantasía. Para acceder ao baile, os socios do Centro de Maiores do Concello terán que abonar unha taxa dun euro, mentres que as persoas que non son asociados pagarán en total dous euros.

A primeira tenente de alcalde e concelleira de Benestar Social, a nacionalista Raquel Jabares, destaca que a actividade “fomenta a relación entre os veciños das distintas parroquias cullerdenses”. En efecto, boa parte do programa ofertado polo Centro de Maiores consiste en actos que se poñen en marcha en cada unha das parroquias, polo que a realización dos bailes serve como un “lazo de unión” entre as decenas de participantes nas iniciativas municipais.

Por iso, explica Jabares, a Concellaría de Benestar Social decidiu programar estes bailes cunha periodicidade mensual. A primeira tenente de alcalde resalta que, xunto coas viaxes, os bailes constitúen as actividades con maior receptividade nos veciños das que impulsa o Centro de Maiores

Viaxe

Precisamente, a concellaría prepara unha nova viaxe para os maiores. Nesta ocasión, os participantes recorrerán as terras de Cee e Vimianzo. Na primeira vila visitarán a tradicional feira mentres que na segunda coñecerán o seu castelo. A excursión terá lugar o domingo 29 de novembro e incluirá unha comida-baile, de forma optativa, nun establecemento hostaleiro de Vimianzo.

Asemade, a edil nacionalista destaca que a actividade conta tamén coa participación de mozos do servicio de voluntariado que promove a concellaría. Varios voluntarios acompañarán aos maiores no seu percorrido.

A viaxe custa sete euros para os socios do Centro Municipal de Maiores e doce para os non asociados. O xantar trátase de forma independente e o seu prezo é de doce euros. O prazo para inscribirse á excursión permanecerá aberto ata o venres 20.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]