Xira de teatro de maiores, pola infancia de Culleredo
Imaxe da presentación
Durante a primeira quincena de xuño, e como novidade este ano, estes actores e atrices amateurs levarán as súas obras aos centros de ensino municipais, nunha actividade que vai mais alá de encher o tempo de lecer: con esta experiencia maiores e pequenos comparten o interese e o pracer polas actividades artísticas e culturais, ademais de reforzar a autoestima e a confianza en si mesmos, amósase que cada etapa ten moito que dar aos demais e que entre as distintas xeneracións tamén se poden crear espazos socioeducativos para compartir.
A concelleira de benestar Social, a nacionalista Raquel Jabares Fernández, dende o seu inicio no goberno quixo comprometerse e contribuír co “fomento da participación dos maiores, cun avellentamento activo e coa posta en valor dos anos, sempre tentando acadar o maior benestar entre a súa cidadanía”.
Durante a “Xira pola infancia de Culleredo”, os grupos de teatro do Burgo e de Orro, representarán respectivamente as obras: “A rá Lucia e o grilo Guillermo “ e a “A escola de tócame Roque”. As representacións terán lugar nas Galescolas de Fonte da Balsa e de Fonteculler, e nos Colexios de Educación Primaria: Ceip Tarrío, Ceip Isaac Díaz Pardo, Ceip Sofia Casanova, Ceip Ría do Burgo e Colexio A Ponte Pasaxe, amais dunha actuación aberta a todo o público no Conservario de Música o día 26.