O BNG leva a todos os concellos da comarca unha moción na que rexeita os recortes do PP e propón alternativas en defensa das persoas
Culleredo, 20 de xullo de 2012. Os portavoces municipais do BNG da comarca da Coruña reuníronse esta mañá para tratar os recortazos aprobados polo PP, uns recortes que cargan as consecuencias e as culpas da crise nas maiorías sociais: persoas traballadoras, desempregadas, dependentes, estudantes, pensionistas, empregados públicos, mozos e mozas, mulleres...
En rolda de prensa posterior a esta xuntanza de traballo, a responsábel comarcal e portavoz do BNG en Arteixo, Silvia Seixas, o portavoz do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, a portavoz do BNG e tenente de alcalde en Culleredo, Raquel Jabares e o portavoz do BNG en Oleiros, Manuel Sarmiento, anunciaron que os nacionalistas presentarán en todos os concellos da comarca unha moción na que esixen a retirada do decreto 20/2012, porque entenden que os Gobernos locais non poden permanecer alleos aos recortazos aprobados por Rajoy.
Os representantes locais do BNG explicaron que esta moción recolle a voz do pobo, a voz da multitudinaria manifestación que percorreu onte ás rúas da Coruña. Nesta iniciativa, os nacionalistas expresan a súa oposición a cargar sobre as e os empregados públicos, traballadores e traballadoras do consorcio das mutuas e persoas das fundacións a crise económica, coa supresión da paga extra de nadal, e sobre toda a cidadanía coa suba do IVE e co recorte nas prestacións por desemprego. Trátase, advertiron, dunhas medidas que conlevarán unha redución da capacidade adquisitiva e unha caída no consumo e na actividade económica que prexudicará gravemente o comercio e a actividade económica local.
Tamén rexeitan os nacionalistas nesta moción as medidas da Reforma da Lei de Bases de Réxime Local e a redución do número de edís que, tal e como expuxo Jabares, "reduce o pluralismo político e non conleva aforro económico ningún". En relación con este punto, os nacionalistas reclaman a supresión das Deputacións provinciais, pasando as súas funcións á Xunta de Galiza e aos concellos. "Isto si que suporía un aforro importante e non a redución de concelleiros, xa que só en Galiza se aforrarían 400 millóns de euros coa supresión destes entes propios dunha época pretérita", indicou.
Carril: "Minten os que afirman que os recortazos son inevitábeis, porque si se poden evitar, o BNG ten alternativas!""É necesario un cambio de rumbo radical, porque hai alternativa"
A moción que os nacionalistas levarán a todos os concellos da comarca recolle tamén as alternativas que defende o BNG. "É necesario un cambio de rumbo radical, porque o recortazo pódese evitar", advertiu Carril. "Minten os que afirman que é inevitábel", sinalou, e, a continuación, deu conta das alternativas que presentan os nacionalistas fronte ao recortazo. Reforma fiscal progresiva . O BNG pide unha reforma fiscal progresiva que grave as grandes fortunas, a banca privada e as grandes corporacións industriais. "Hai suficientes recursos, o problema é que non se recadan", apuntou Carril, quen esixiu medidas contra a fraude fiscal. E é que segundo o sindicato de técnicos do Ministerio de Facenda, a fraude fiscal ascende no Estado español a 89.000 millóns de euros. Así, Carril criticou que o PP non anunciase nin unha soa medida contra a fraude fiscal, "ao contrario, prepara unha amnistía para os defraudadores".
Banca pública. Os nacionalistas consideran que o diñeiro público que vaia ao sector financeiro debería ir destinado a crear unha banca pública que financie a economía real, a economía produtiva e as pequenas e medianas empresas.
Políticas que incrementen o PIB. O BNG advirte de que as políticas de austeridade contraen aínda máis a economía e se o sector privado non gasta e o sector público tampouco, a economía colapsa. "Son precisas políticas orzamentarias que incrementen o PIB e que non o fagan decrecer, políticas que creen emprego en sectores estratéxicos e de futuro, como un plan de industrialización ou de I+D", apuntou Carril.
Férrea regulación do sistema financeiro. Fronte á burbulla da débeda pública, os nacionalistas propoñen na moción unha férrea regulación do sistema financeiro a comezar por unha reforma do Banco Central Europeo.
Base produtiva propia: naval, agro e pesca. O BNG tamén recolle na iniciativa que por parte do Goberno galego se adopten medidas que defendan o dereito a termos unha base produtiva propia, nomeadamente en sectores estratéxicos como son o naval, o agro ou a pesca.
Defensa da pequena e mediana empresa. Carril indicou que a moción tamén avoga por que se adopten medidas que defendan as pequenas e medianas empresas como chaves para a creación de emprego. "En cambio, o PP vai a polos comerciantes, coa liberalización horaria á medida das grandes superficies e coa suba do IVE, e a polos autónomos, que constitúen a inmensa maioría das pequenas empresas en Galiza, coa suba até 6 puntos da retención do IRPF.
Recuperación do poder adquisitivo. Outra das apostas do BNG pasa pola recuperación do poder adquisitivo, como o único xeito de restaurar o consumo, fronte ás políticas do PP de redución de salarios, eliminación de postos de traballo no sector público ou a suba do IVE.
Máis autogoberno. Fronte ao maior centralismo que propón o PP, os nacionalistas defenden o autogoberno e propoñen o adelgazamento da Administración central. Carril apostou por, ademais de suprimir as deputacións, acabar cos ministerios que invaden competencias autonómicas, acabar coa delegación do Goberno, acabar coas axudas públicas á Igrexa e recortar os gastos militares e da Casa Real.
Democracia. Por último, Carril pediu respecto á democracia e sinalou que Rajoy non ten lexitimidade para impor políticas non votadas por ninguén. "Disto só se sae dándolle a palabra á xente a través dun referendo, tal e como xa propuxo o BNG no Congreso e no Parlamento galego", apuntou.
"A manifestación de onte evidencia que é necesario un cambio de rumbo "
En resposta ás preguntas dos medios sobre a manifestación de onte, o portavoz do BNG no Concello da Coruña sinalou que "a propia realidade evidenciou que tanto a mobilización que percorreu as rúas da cidade como as que tiveron lugar noutros puntos de Galiza foron un absoluto éxito". "Demostrouse onte que as maiorías sociais rexeitan rotundamente os recortazos do PP", afirmou.
"Agora é interesante saber que opina o PP e os responsábeis do PP na Xunta de Galiza, na Deputación e nos concellos sobre esta manifestación", salientou. Carril concluíu que "basicamente, esta mobilización, en que estiveron moi presentes tanto o BNG como a CIG, demostrou que é necesario un cambio de rumbo nas políticas económicas do PP".