O alcalde inicia o expediente para construir máis vivendas en Quenxe

     Corcubión, a 11 de marzo de 2013. A inmobiliaria “Sicar” promove a urbanización e construcción de 30 vivendas na parcela de “galiña branca”, enriba da praia de Quenxe.

 

 

Hai uns días, o grupo municipal do BNG, acudiu ao concello a revisar o expediente para a aprobación inicial do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) da parcela coñecida como “galiña branca”, situada á beira da praia de Quenxe. O alcalde “convidounos excepcionalmente” a ver o expediente antes de aprobar por decreto de alcaldía o inicio da próxima desfeita urbanística, coa que queren construir agora 30 pisos e vivendas unifamiliares, dado que nun principio pretendían facer 50 cando a Xunta publicou o anteproxecto do planeamento para realizar o documento de referencia para a Avaliación Ambiental Estrátexica. Daquela o BNG de Corcubión fixo varias alegacións, que serviron polo menos para obligar a empresa promotora a realizar un informe de sostibilidade ambiental (ISA), que en breve terá que expoñerse ao público durante 2 meses.

Dende o BNG animámos a todos os veciños e as asociacións ecoloxistas a facer alegacións contra o que consideramos un novo pelotazo urbanístico dos poderes fácticos en Corcubión, ademáis dunha desfeita medioambiental de difícil reparación. Para o BNG, está parcela deberíase destinar xunto ca que está debaixo do cemiterio a un gran parque para uso e disfrute de todos os veciños, evitando de novo a presión urbanística á que está sometida a praia de Quenxe. Esta proposta non é nova, xa que se recolle no programa electoral co que nos presentamos ás eleccións no ano 2011.

Para o portavoz municipal, Oscar Insua “o tempo vai poñendo a cada un no seu sitio. O alcalde que criticaba con dureza as edificacións na zona de Quenxe, agora propón marbellizar a zona norte.Supoño que terá algunha explicación este cambio de criterio” Para o edil nacionalista “está claro que é un novo pelotazo. Non hai necesidade de vivendas como din no expediente, xa que hai decenas de vivendas baleiras no pobo, non hai máis que ver os carteles de vendas e alugueres”. Por último di Insua que “esta é unha das razóns polas que o alcalde ten paralizado o PXOM, pois prefire aprobar este PERI aparte da ordenación xeral. Que non conte co voto do BNG na aprobación final do pleno”

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]