O BNG apoiará a Folga Xeral do 14N no vindeiro pleno

Corcubión 9 de Novembro do 2012.      O BNG de Corcubión rexistrou no concello de Corcubión varias mocións para ser debatidas e aprobadas na vindeira sesión ordinaria do pleno. En primeiro lugar solicitará o apoio á folga xeral convocada para o 14N polas organizacións sindicais máis representativas, para para impulsar a economía e o traballo en Galiza e  manifestarse contra as políticas de recortes do PP, que só serven para aumentar o paro sen dar solución a esta crise económica e social. Tamén pedirán noutra moción o apoio dos grupos para que a etiquetaxe dos produtos galegos do mar para conserva ou transformación sexa obrigatoria, en contra do que propón a Unión europea no documento “Organización Común de Mercado (OCM) dos produtos da pesca e da acuicultura” que se atopa en trámites de aprobación.

Ademáis presentaron dúas mocións máis relacionadas coa política de igualdade e da muller, unha para a defensa dos dereitos das mulleres e da libre decisión sobre a súa maternidade, contra a derrogacion do PP da chamada lei do aborto, e a outra moción diante do 25 de novembro de 2012, día da non violencia contra as mulleres, contra os recortes na protección das vítimas de violencia de xénero, polo que o BNG solicita o compromiso de manter e mellorar os recursos municipais de información, acompañamento e asistencia a vítimas de violencia de xénero.

POS 2013

Ante a petición escrita do Alcalde de ideas para incluir no Plan Provincial de obras 2013, o grupo municipal do BNG solicitoulle a convocatoria da comisión de obras e urbanismo para que todos os grupos fagan propostas para chegar a un consenso, e poder aprobar o plan por unanimidade, que é o procedemento normal que se sigue en todos os concellos. O portavoz municipal, Oscar Insua manifestou que “É increíbel que o alcalde estea falto de ideas para incluir no plan. En todo caso, o BNG ten propostas que requiren dunha solución inmediata, pero poñerémolas enriba da mesa na comisión ou no pleno, que son os sitios onde se deben debatir e aprobar, tratando de chegar a un consenso”. Insua tamén engadiu que “o que non imos a facer é unha sesión de “brainstorming” a petición do alcalde para que escolla unilateralmente a obra que máis lle guste. O BNG fai propostas onde hai que facelas, non somos servos do alcalde como el cre”.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]