O alcalde levantou o pleno ilegalmente

Insua Lema, portavoz municipal do BNG: ”Quixo evitar a toda costa preguntas que non quería responder, ese foi o motivo”

Corcubión 18 de Agosto do 2012.     O pasado martes, a corporación municipal reuniuse ás 20.30 hs da tarde para celebrar o pleno ordinario de xullo, retrasado ao mes de agosto. O pleno transcorreu con absoluta normalidade, ata o penúltimo punto da orde do día, a dación de conta das resolucións, onde o portavoz municipal solicitoulle ao alcalde explicacións sobre algunhas das resolucións sobre facturas de servizos sen contratos, sobre o establecemento de diferentes baremos en iguais criterios nas bases de contratación de personal, sobre os complementos de productivividade á personal do concello que estivo de baixas, ou sobre as prohibicións impostas no campo do rollo entre outras. Esta solicitude de explicacións parece que  lle molestou ao alcalde pois evitou responder con claridade a moitas delas, polo que o portavoz do BNG Oscar Insua reclamoulle que respondera ao que se lle preguntaba, nese momento o alcalde todo alterado lle dixo que calara a boca e que non o interrumpira. No turno de responderlle á portavoz do PP, esta interrumpiuno varias veces, sen que o alcalde lle recriminara nada, motivo polo que o noso portavoz pediulle o mesmo trato ao alcalde e que non utilizara unha dobre vara de medir como moderador, e foi nese momento cando o rexedor levantou o pleno por sorpresa todo alterado alegando que o interrumpiran no seu turno de palabra, cando faltaba por tratar o último punto da orde do día, Rogos e Preguntas.

Para o BNG, o alcalde finalizou o pleno ilegalmente, dado que as sesións deben rematarse sempre, agás situacións que fagan imposible o seu desenvolvemento, polo que solicitaremos que se reanude a sesión plenaria, dado que non existiron motivos para levantar a sesión. O portavoz do BNG, Oscar Insua declarou que “o alcalde en realidade non quere que nós o controlemos e fiscalicemos, máis esa é unha das nosas obrigas e funcións, que non puidemos cumplir porque quixo evitar a toda costa preguntas incómodas”. Insua tamén manifestou que “eu en ningún momento recibín ningún apercibimento de expulsión, polo que queda claro que non fixen nada máis que debater, pero parece que ao alcalde non lle gosta nin eso, por eso solicitaremos que o pleno se reanude xa que tiñamos preguntas das que o pobo está esperando unha resposta ”. Por último, o portavoz nacionalista dixo que “parece que temos de alcalde a un tirano que fai o que lle peta e que non respecta ás institucións democráticas facendo cousas como esta, e non é a primeira vez que o fai ”

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]