O alcalde levanta beirarrúas novas no Campo do Rollo

 

Corcubión a 9 de Agosto do 2012.     Estes días comezaron novas obras no campo do rollo, para a “mellora dun tramo do camiño Xacobeo” , obras que xa tiñan que estar feitas o ano pasado dado que foi ano santo. Aínda así, a sorpresa apareceu no inicio das obras, pois dispuxéronse a levantar unha beirarrúa de pedra feita hai pouco tempo e que non tiña necesidade de ser renovada. Para o BNG, o alcalde comete un auténtico despilfarro facendo este tipo de actuacións, pois non era necesario levantar unha beirarrúa nova, e menos nestes tempos de recortes, onde hai que xestionar con lupa os cartos públicos. O mesmo pasa coa rede wifi de Corcubión, que leva meses sen funcionar. Unha rede na que o alcalde leva gastado máis de 200.000€ do erario público, entre as obras e os contratos de mantemento, e que non está dando ningún servizo aos veciños e veciñas dende fai moito tempo. A páxina web municipal non está renovada e o servizo de administración electrónico non está en funcionamento, despois de que o alcalde gastara varios miles de euros en contratos menores o ano pasado.

O grupo municipal do BNG percibe que existe unha pésima xestión dos cartos púbicos, e responsabiliza ao alcalde da mesma, pois é el o que dirixe todo este despilfarro dos cartos dos corcubioneses, a pesar de se proclamar continuamente como saneador das contas municipais. Esto todo hai que sumalo, aos gastos en avogados polos xuízos contra os traballadores, ás multas lle puxeron polo acoso laboral, e as facturas por servizos que preferiu que non fixera o personal do concello.

O portavoz municipal do BNG, Oscar Insua declarou que “o das beirarrúas é a gota que colma o vaso, porque eses cartos podíanse aforrar ou meter noutro sitio, pero parece que o alcalde está obsesionado co campo do rollo e o da wifi non hai por onde collelo”. Para Insua, “non son tempos de tirar cos cartos municipais, e menos cando están subindo os impostos aos veciños , esixíndolle esforzos de máis e recortando os servizos públicos, o alcalde non dá bo exemplo aos cidadáns. Non nos extraña que o consello de contas acabara por facer unha auditoría ao concello, Corcubión non se merece un alcalde que se dedica a despilfarrar cartos públicos”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]