O BNG insta ao alcalde a modificar o baremo das axudas do comedor escolar

O BNG INSTA AO ALCALDE A MODIFICAR O BAREMO DAS AXUDAS DO COMEDOR ESCOLAR


Corcubión 2 de Xullo do 2012.     A final do presente curso escolar, o concello de Corcubión repartiu folletos informativos entre os pais, nais e titores do colexio “praia de Quenxe”, onde explicaban que ían recortar as axudas para o comedor escolar do vindeiro curso, dada a situación actual de crise económica. Así mesmo, informaban que o sistema de axudas mudaba, pero sen puntualizar que ían subvencionar á ANPA cun total de 24.000€, polo que na teoría, vai ser a propia ANPA quen xestione todo o comedor escolar. Cando decimos na teoría, é porque na práctica, foi o concello o que estableceu o baremo e os criterios nas bases das axudas, e o que vai recoller todas as solicitudes, sen que no concello exista expediente algún onde se aprobaran tales criterios ou tal subvención.

O grupo municipal do BNG está de acordo en que sexa o concello quen xestione as solicitudes das axudas para o comedor, seguindo o procedemento administrativo correspondente, pero en ningún caso o que decida unilateralmente os criterios. É máis, o BNG insta ao alcalde a que se reuna coa ANPA e modifique os criterios para axustalos ás necesidades reais de moitos pais e nais, xa que con eses baremos unha familia de tres membros cuns ingresos de 1200€ non terían ningún desconto xa que tamén eliminan a axuda directa do concello do 50% do custe do comedor escolar. O BNG esixe que se adecuen as ratios  do baremos e se aumenten as axudas segundo os niveis de renta da Galiza. Ademáis se sumamos a esto, que a axuda destinada ao comedor escolar no orzamento municipal deste ano, 26.000€ (rebaixada no plan de axuste aprobado polo PP e o PSOE locais a 24.000 €), quedou practicamente agotado nestes seis meses do curso pasado, non van quedar máis de 2000€ de axuda para o primeiro cuadrimestre do vindeiro curso.

O portavoz do BNG, Oscar Insua, declarou que “Os cartos que saen do concello deben repatirse con criterios máis xustos e equitativos, polo que se deben cambiar os criterios establecidos polo alcalde”. Insua dixo que “con este baremo un ten que estar case na ruina para que che financien o 100% do prezo do comedor escolar, e iso non pode ser, porque vemos como o PP subeu este mes o prezo da luz, o da auga e o do gas, polo que non podemos recortar nestas axudas que son fundamentais para manter este servizo, e por tanto a matrícula do colexio, evitando que o pechen nun futuro por falla de nenos e nenas”.O edil nacionalista engadiu por último que “parece que só van quedar  mil e pico euros da partida orzamentaria do concello, se é que queda algo para o primeiro cuadrimestre do vindeiro curso. A ANPA debe saber o antes posíbel con que axuda conta do concello para este ano”

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]