Entrevista a Purificación Seixido, alcaldesa de Cariño

Puri Seixido, alcaldesa de Cariño

M.F..-Poucos confiaban antes das eleccións en que o Bloque Nacionalista Galego puidera facerse co goberno de Cariño, que apostou nesta ocasión por colocar como cabeza de lista a Purificación Seixido. Agora, tras a sorpresa inicial, os nacionalistas traballan duro por sobrepoñerse a unha situación económica moito peor do que poderían ter imaxinado. Algo que obriga a pensar en sanear as contas por enriba doutras cuestións, incluso as relacionadas cos asuntos sociais onde xa se viron na obriga de aplicar recortes. Desta e outras cuestións falou con Diario de Ferrol a nova alcaldesa do concello.
—Como están sendo estas primeiras semanas no seu despacho da Alcaldía?
—De moito, moitísimo traballo. A situación económica é moi mala e tivemos que tomar varias medidas ao respecto. Asemade estamos traballando na redacción dos presupostos municipais, xa que estamos cos de 2010 prorrogados.
—Cal é o estado das arcas municipais?
—Moi malo. Temos que facer fronte a moitos pagos pendentes aprobados xa pola corporación saínte. Ademais, temos que cumprir cunha sentenza xudicial de hai máis de dous anos que obriga ao consistorio a pagar á empresa construtora que se fixo cargo da Casa do Concello máis dun millón de euros.
—Todos os alcaldes de novo que chegan a un concello aseguran que a situación económica é precaria, é para tanto?
—É para máis. Non hai case liquidez e acumulánse as facturas impagadas. Estamos tentando organizar estes pagos, facendo unha programación que nos permita ir pagando pouco a pouco o que se debe tendo en conta as débedas máis antigas.
—Cómo discurriu o primeiro pleno municipal deste goberno en minoría que preside?
—Foi un pleno tranquilo no que se definiu o organigrama municipal. Nesa sesión tamén se estableceron as percepcións dos concelleiros por asistencia a plenos e demais órganos de goberno. Na mesma sesión acordamos que ningún membro do memos cobrará prestación algunha pola súa dedicación. Cabe destacar que ningún terá dedicacións nin parciais nin exclusivas. Con isto, aínda que é pouco, conseguimos aforrar algo na conta de gastos correntes, que estaba orzamentada nuns 53.000 euros.
—É unha mágoa que esta política non se aplique en tódolos concellos, ¿non?
—Eu entendo que na maioría dos concellos se están aplicando medidas de austeridade, non concibo o contrario en tempos como os que nos está tocando vivir.
—Non cobrades polas vosas adicacións no Concello pero cantas horas pasades en dependencias municipais?
—Pois máis ou menos as mesmas que o resto dos funcionarios, chegamos aquí as oito da mañá e marchamos sobre as tres.
—Cómo está sendo a relación cos partidos da oposición?
—Eu diría que é unha relación boa, de veciños. Temos que ser opoñentes pero non imimigos. Eu penso que todo o mundo vai colaborar para sacar adiante o concello.
—Pensa que o vai ter difícil con este goberno minoritario?
—Coido que do que se trata é de traballar para convencer aos teus adversarios políticos. Pode que sexa un traballo extra pero entendo que para a cidadanía non ten porque ser, nin moito menos, prexudicial, porque esta forma de facer as cousas axuda a conciliar, a escoitar aos demais e a atopar solucións mellores para os problemas que temos todos.
—A presenza de xabaríns polas rúas da vila foi un dos primeiros problemas cos que te atopaches?
—Practicamente foi o primero problema co que me atopei, porque o día 13 cando chegamos ao concello por primeira vez había enriba da mesa un informe da policia municipal sobre os danos dos xabaríns no paseo martímo e logo empezamos a recibir moitísimas queixas dos veciños. Entón empezamos a tomar contacto coas administracións que pudieran ter responsabilidades e conseguimos que a delegada territorial, Belén do Campo, acadase autorización da Xunta para organizar batidas controladas que esperamos axuden a acabar co problema alomenos esta tempada.
—Cales son os proxectos máis inmediatos que vos tedes marcado?
—O noso proxecto de goberno pasaba fundamentalmente por desenvolver economicamente Cariño, por proporcionar máis medios para emprendedores, xente que busca emprego o ampliar negocios. Nestes momentos estamos bastante atados de mans porque estamos ocupados elaborando os presupostos e buscando financiación para servizos que xa prestamos. Non renunciamos a reunirnos con todos os empresarios e colectivos implicados na economía local de cara a buscar solucións comúns aos problemas que temos e desenvolver en conxunto a economía do noso concello. Axuda é posible que non poidamos dar moita pero apoio e escoitalos, sempre. As portas do concello estarán abertas para cando os veciños así o queiran.
—Algunha grande obra pendente nestes momentos?
—O certo é que ao termos que afrontar esta sentenza tivemos que reducir ao mínimo a nosa capacidade de investimento. Hai obras moi necesarias, como o saneamento, que nos gustaría que empezaran xa pero a día de hoxe non sabemos se teremos o diñeiro para emprender algunha delas. Por outra banda, no tocante a obras un pouco máis grandes, nin nos entra na cabeza nestes momentos. Temos bastantes cousas por solucionar sen pensar nestes proxectos, vamos centrarnos máis na atención ao veciño que nas grandes actuacións, xa que hoxe non temos capacidade económica.
—Tedes en conta algunha política para o fomento da capacidade turística da vila?
—Estamos moi condicionados pola situación económica e hai que ter en conta que as políticas de difusión turística son costosas e non podemos afrontalas a día de hoxe. O que si podemos é manter un diálogo continuo cos hostaleiros de cara a fomentar a difusión de Cariño e as suas particularidades. Desde logo, por traballo non vai ser, por cartos ao mellor.
—Ese contacto cos veciños do que fai gala o BNG, cómo vai ser?
—Ben, é que eles son os que importan, se non escoitas aos veciños, a quen escoitas?, a túa voz interior. As portas do Concello están sempre abertas para eles, que son os que coñecen os problemas, os que dalgún xeito te orientan, xa que recibes unha información moi valiosa dos veciños. Nós tentamos buscar solucións, non sempre se pode.
—Algunha en concreto
—Temos unha poboación moi envellecida e temos un serio problema para manter os servizos sociais, que están, tal vez, sobredimensionados, temos moitísimo persoal e é complicado manter esto en funcionamento.
—Supoño que son moitas as visitas de veciños recibidas
—A ducias. Todos eles teñen razón e as súas demandas están máis que xustificadas pero os medios cos que contamos, tanto de persoal, como materiais ou económicos, son limitados, e temos que establecer prioridades segundo a gravidade das incidencias. Temos moito traballo acumulado con demandas que veñen de moi atrás. O noso compromiso é ir atendendo a todos, hai que responder aos veciños porque é a nosa obrigación. Sobre todo é importante dicirlles a verdade sempre. É mellor dicir ás veces que non sei cando vou poder facelo, é máis cómodo, xa que se haique dicir si, cando un ten dúbidas, o único que lograrás é decepcionalos. O mellor é ir coa verdade por diante.
Vense as cousas moi difentes agora desde o Concello?
—Ben, nunca fun concelleira pero coñezo indirectamente o traballo político, sei que é lento e farragoso. O que máis me chamou a atención cando cheguei é que a situación económica sexa tan grave e que debamos facer fronte, xa, de inmediato, por orde dun xuíz, a unha débeda tan importante.
—¿Aplicastes xa algún recorte económico?
—Penso que os concellos están mal financiados para atender a todo o que deben facer fronte. Nós, por exemplo, aportamos unha cantidade moi, moi grande para poñer en marcha os servizos sociais. Este ano, por exemplo, tivemos que olvidarnos de contratar xente para cubrir vacacións, só puidemos contratar tres persoas subvencionadas ao 100% e tivemos que deixar a xente sen atención. Por esta razón tódolos días estamos recibindo as queixas dos veciños. É un traballo ingrato porque os veciños non teñen por que entender que ti estás limitado pero hai que facelo. A porta segue aberta para que se queixen e se queren documentación para facelo noutras instancias terán o noso respaldo. Aquí todo o que se fai está á vista, e o que se fai é conter o gasto, nada máis. O que manda é que temos que satisfacer xa unha orde de pago.
—E xa falando das pasadas eleccións, foron tan sorprendentes os resultados tamén para vos?
—Foi unha sorpresa moi grande. Sabemos que recibimos votos de rebote, digamos, tal vez porque outras formacións non convencían e se nos votou un pouco como a alternativa descoñecida. Foron moi aventureiros os cariñeses (risos).

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]