Manuel Muiño, alcalde de Zas: "En política non hai milagres, hai traballo"

Manuel Muíño, alcalde de Zas

Despois de gobernar catro anos en coalición co apoio de Terra Galega, o BNG conseguiu arrasar no municipio de Zas o pasado 22 de maio. De cinco concelleiros pasou a oito e estivo a piques de conseguir o nove. O alcalde, Manuel Muíño, moi satisfeito dos resultados logrados, asegura que a mensaxe dos cidadáns foi claro: seguir gobernando na mesma liña que fixeron neste catro anos e con "responsabilidade, honestidade e humildade", tal como xa proclamou no seu discurso de investidura

M. CARMEN SUÁREZ | ZAS En catro anos o Concello de Zas pasou de estar gobernado polo Partido Popular ás mans do BNG, que o 22 de maio lograba os mellores resultados que ningún partido tivera antes no municipio. O alcalde, Manuel Muíño, Lolo, cre que esta resposta da xente tamén lles obriga a gobernar mesmo con máis responsabilidade. Tras a polémica coa Xunta a finais do mandato pola demora da ITV concedida desde hai anos e que provocou unha gran manifestación en Baio, un dos seus principais retos é pór en marcha o novo servizo.

-Esperaba conseguir tan bos resultados o 22 de maio?

-Esperabamos bos resultados e vendo a resposta da xente pensabamos en ter maioría, pero non cremos que chegasen a ser tan bos. Quedamos a moi pouco de nove concelleiros, de cinco que tiñamos.

-Cal foi o segredo do seu éxito?

-Supoño que o traballo deste catro anos. Está claro que non é unha única cousa, senón o conxunto do que fixemos, que a xente valora e aprecia. A mensaxe das urnas foi moi clara, seguir gobernando como ata agora, con responsabilidade, honestidade e humildade.

-Cre que influíu o asunto da ITV, coa negativa da Xunta, a demanda da sociedade e a mobilización de máis de 5.000 persoas en Baio esixindo este servizo?

-En conxunto creo que foi froito do traballo do catro anos, non unha única cousa. Está claro que a ITV foi un chanzo máis, pero como o resto das cousas. Os veciños valoraron que o traballo do alcalde e o seu goberno, que estivese con eles, apoiándoos. Interpretamos que a xente está contenta e por tanto seguiremos traballando na mesma liña, tentando sacar adiante máis proxectos e estando ao carón dos veciños.

-E agora parece que por fin terán a prometida ITV.

-É o compromiso que temos da Xunta e esperamos contar con ela dentro de pouco. Nos próximos días terminarán as obras de urbanización no polígono de O Allo e a Xunta comprometeuse a autorizalas axiña que terminasen. Se non hai problemas calculo que no mes de novembro poida estar lista, aínda que dixeron antes.

-Cales son os principais retos para esta lexislatura?

-Seguir desenvolvendo o plan xeral, acabar a urbanización do polígono de O Allo, desenvolver o polígono industrial de Lamas, onde xa temos o plan parcial...

-É posible un novo polígono cando nos concellos da comarca están baleiros?

-Cremos que hai posibilidades de facelo, pero con compromisos serios e firmes. Mesmo exporemos a posibilidade de ir facendo por partes se existe demanda. E con compromisos serios dos interesados, incluso tendo que achegar diñeiro para que despois non teñamos o mesmo problema de que queda baleiro.

-Zas é un dos poucos municipios que non está endebedado. Cal é o segredo, cando a maioría está ao límite?

-Contendo o gasto principalmente. Sobre todo en persoal, porque as nóminas hai que pagalas e iso é o que máis suma. Outros concellos do noso tamaño teñen o dobre ou triplo de persoal que en Zas. Aínda así conseguimos contratar a seis persoas máis, por exemplo, de dúas persoas de axuda a domicilio pasamos a seis. E tamén tentamos conseguir o financiamento antes de facer as obras.

-Neste Concello pasan nun mandato dun goberno maioritario do PP a unha ampla maioría do BNG e o PSOE volve desaparecer da Corporación. Ten algunha explicación a isto?


-Está claro que en política non hai milagres, non pasas dun a oito de súpeto, senón que todo é froito do traballo de catro anos. Nós fomos crecendo na oposición, a primeira vez que me presentei sacamos un, despois tres, fai catro anos cinco e agora oito. Se traballas a xente vaiche dando a confianza aos poucos.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]