Miguel Anxo Fernández Lores: «O modelo de Pontevedra funciona, tamén no económico»

Concelleiro dende 1987 e alcalde dende 1999, Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, Sanxenxo, 1954), acaba de iniciar -co apoio do PSOE na investidura- o seu cuarto mandato no Concello, converténdose no alcalde máis exitoso na recente historia de Pontevedra. No seu primeiro discurso, Lores falou de que a crise obriga a «reinventar» a xestión municipal. «Plantéxome este novo mandato como unha volta a empezar», di.

-Hai catro anos o BNG baixou de dez a sete concelleiros. Vostede dixo que tomaba nota, e agora rompeu aquel teito con once edís.

-Si, tomamos nota. Nestes catro anos tivemos unha maior presenza social, máximo diálogo posible e aquilatamos, planificamos mellor o mandato... Creo que a imaxe global da cidade e a percepción dos cidadáns mellorou, rematamos proxectos, houbo recoñecementos exteriores que cambiaron a percepción da cidadanía, e todo isto provocou que se produciran uns resultados moi bos para nós. Sempre poderían ser mellores, pero...

-Pero alcalde, o BNG nunca tivo, como agora, once concelleiros en Pontevedra.

-Si, pero cos análises sociolóxicos da cidadanía, polas enquisas e todo o demais, se fósemos unha formación cunha maior base social, unha das forzas do bipartidismo existente, houbésemos sacado maioría absoluta sen problema. Dende logo o incremento de votos foi espectacular, e creo que este resultado nos compromete máis co traballo pola cidade. Imos non defraudar absolutamente a ninguén, imos traballar o máis posible, intentando contar con todo o mundo e manter unha política seria, rigorosa, austera e tamén investidora que continúe un modelo exitoso.

-Os seus críticos din que Pontevedra está fermosa, si, pero que non hai futuro laboral.

-É certo que houbo aí atrás unha enquisa de poboación activa (EPA) cuns datos demoledores para Pontevedra, pero foron corrixidos posteriormente. O mesmo organismo que fai ese estudo non se explicaba uns datos tan malos, eran irreais. Na última EPA correxíuse e resulta que a única cidade na que descendeu o paro é Pontevedra. Pero iso non o destacaron os medios. Tamén hai outro dato, este do INE: Pontevedra é o concello da provincia con maior renda per cápita, e un dos primeiros de Galicia. Polo tanto, o modelo funciona e é positivo tamén dende o punto de vista económico, da rendibilidade e da actividade económica. Logo está a calidade de vida, no que estamos a un nivel altísimo pero non se pode medir.

-¿Logrará a nova corporación rebaixar a crispación política dos últimos catro anos?

-Eu espero claramente que si. Intentarei que se modere. A oposición que houbo nestes catro anos non foi nada construtiva. Estivo absolutamente fóra de lugar, non fixo máis que poñer trabas a todo... Pode haber discrepancias no modelo, no deseño de cidade, pero hai certas cousas que non se entenden, e propoñen outras que se acercan ao irreal. Ten que imperar o sentido común e nós imos escoitar a todo o mundo. Agora, se a oposición se nega rotundamente a plantexar temas serios e a colaborar, ou xustifica plantexamentos da Xunta que supoñen o incumprimento de compromisos con esta cidade, pois aí nos van ter enfronte. Eu penso que a oposición que fixo o PP pasoulle factura nas eleccións.

"Estamos saneados, pero a crise obrigará a recortar o que non sexa prioritario"-¿A posible despedida, aínda sen data, de Telmo Martín vai influír na mellora das relacións?

-A miña experiencia cos portavoces da oposición nos dous primeiros mandatos foi absolutamente razoable. O que sucedeu nos últimos catro anos non foi de recibo. Supoño que o PP terá tomado nota e agora estará disposto a arrimar o ombro para defender a Pontevedra.

-No seu discurso de investidura falaba vostede de «reinventar» a xestión, de racionalizar o gasto.

-Efectivamente, temos que ser conscientes da situación de crise e iso implica que haxa recortes, reducións e nalgúns casos hasta un reseteo na xestión. Haberá que priorizar, que reducir o máximo posible para garantir a posibilidade de que se poidan seguir facendo cousas, de que non teñamos que atoparnos apretados a metade ou a final do mandato. Iso é así, a situación está complicada. Para todos.

-Chama a atención, tratándose Pontevedra dun concello saneado.

-Nós estamos pagando o día 28 as nóminas, pagamos a provedores maioritariamente en dous ou tres meses, e temos 24 millóns de euros en tesourería. É dicir, que estamos nunha situación financeira boa. Pero temos calculado que cos incrementos nos servizos pode dispararse o capítulo de gastos. Temos unha parte moi importante de gasto fixo, porque o Concello de Pontevedra mantén vixentes todo tipo de convenios, pero seguen a caer os ingresos: as licenzas están paradas, o Estado cada vez aporta menos... Polo tanto, temos que reducir o máximo posible as cuestións que non sexan imprescindibles. Xa non digo que non sexan necesarias, porque necesario é todo. Reducir o que non sexa imprescindible para que esa liña entre ingresos e gastos se manteña cun aforro neto mínimo que nos permita seguir pedindo créditos para investir.

-Esa está a ser a base da negociación co PSOE para reeditar o pacto de goberno.

"O BNG non pode dar saltos no baleiro"-Efectivamente. Temos a determinación de baixar entre o 3 e o 4 % o gasto corrente, o que suporía aforrar entre 1,5 e 2 millóns de euros cada ano, que podemos destinar a outras cuestións para xerar emprego e inxectar cartos á economía da cidade. O que pasa é que temos dificultades para recortar porque somos unha Administración austera desde sempre. Estamos xunto co grupo socialista nese traballo, que probablemente sexa o máis importante deste mandato e require un estudo exhaustivo dos orzamentos.

-¿O seu futuro político pasa exclusivamente pola cidade de Pontevedra?

-Si. Eu non me plantexo outro tipo de cousa porque estou moi a gusto aquí. Hai xente moi capacitada en todos os estamentos do BNG. Estou moi a gusto en Pontevedra e creo que, en fin, desvestir un santo para vestir outro... pois non sei se é efectivo.

-¿Como ve a situación actual do BNG?

"Hai xente moi capacitada no BNG (....), eu estou moi a gusto en Pontevedra"-Preocúpame o Bloque porque eu son nacionalista. Exerzo a miña actividade política en Pontevedra, pero obviamente creo que se poden facer cousas polo país e avanzar no país, e illadamente malamente pódense facer. O que pasa é que hai xente que pensa que se pode pasar de ser unha forza política cunha historia relativamente curta a ser unha forza maioritaria. Pasar da nada a ser maioría. E iso non pode ser. Hai que ir crecendo aos poucos, que a base social aumente e, sobre todo, que se consolide, que non haxa pasos atrás. Eu estou nesa liña, na de facer chegar a nosa mensaxe aos cidadáns, de dar exemplos de coherencia, de traballo serio, rigoroso, sen dar saltos no vacío. Porque cando das saltos no vacío ou queres atallar, acabas pegándote a castaña. O nacionalismo vasco ou catalán teñen unha base social que nalgún caso supera o 50 % da sociedade. Nós estamos por baixo do 20 %, e non podemos obvialo. Non podemos ser unha forza maioritaria sen pasar polas etapas que temos que pasar.

-¿Que papel xogará vostede no futuro do Bloque?

-Eu xogarei un papel no BNG como militante e como alcalde nos debates que se produzan. Pero non como dirixente a nivel nacional porque hai xente suficientemente preparada e eu estou a gusto onde estou.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]