Entrevista a Xabier Simón, novo alcalde de Arbo polo BNG

Xabier Simón, alcalde nacionalista de Arbo

Arbo entrou o pasado 22 de maio na alternancia política despois de 20 anos de goberno do PP. O pacto BNG e AIAR, senta hoxe na alcaldía ao nacionalista Xabier Simón.

¿Que lle supón chegar á alcaldía co apoio dun grupo independente mais afín ao PP?

Supón ter a oportunidade de poñer en práctica un proxecto diferente, compartido con outra formación, sen limitacións porque hai moitas concordancias e os nosos programas políticos son coincidentes; hai sintonía.

¿Cal é o seu decálogo de intencións?

Transformar o xeito de facer política en Arbo, deixar os personalismos fora, compartir decisións, abrir a participación ao empresariado, veciños, colectivos. A iniciativa privada de Arbo hai que potenciala para xenerar emprego e riqueza nun Concello con moitas posibilidades.

¿Vaille dar tempo en dous anos?
É un proxecto político serio, polo que non é nada significativo que rote a alcaldía, é un feito secundario xa que se trata de desenvolver un proxecto único no que só vai cambiar a persoa encargada da cordinación das áreas. En resumo, estabilidade e proxecto único para catro anos.

¿Entón, catro anos para convencer?
Xa convencemos a casi 1.300 veciños nas urnas, agora hai que cumplir coas expectativas, traballar día a día malia que vai ser complicado coa crise e porque o Concello está endebedado ata á médula pero podemos transformar Arbo, é un Concello inmensamente rico en recursos.

¿E as prioridades para o goberno municipal de Arbo cales son?

Medidas anti crisis, benestar nun contexto amplo, retirar o PXOM e recuperar o de o ano 1998 contemplando infraestructuras novas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]