Secundino García, alcalde do BNG en San Sadurniño: “O noso principal obxectivo é que a xente perciba que somos un máis”

Secundino García, alcalde de San Sadurniño

A vida municipal de San Sadurniño prosegue logo dos comicios do pasado día 22 de maio. Os concelleiros seguen co seu traballo e o alcalde xa pensa en todo o que queda por facer nos vindeiros catro anos. Dos seus plans e outras inquedanzas falou con este xornal.

Moitos desexarían coñecer cal é o segredo de Secundino García para acadar o apoio maioritario dos electores nas pasadas eleccións municipais, nas que obtivo a maioría absoluta. A xente do lugar ten unha hipótese firme ao respecto: “Como non ía gañar él, e que é moi boa persoa”. No caso concreto de San Sadurniño parece que a xente si que premiou o traballo feito desde a corporación municipal e permaneceu allea á realidade política nacional á hora de emitir os seus sufraxios.

Nunca antes o Bloque acadara uns resultados tan positivos nesta zona, arrebatándolle ao PP esa condición de favorito dos votantes. Ademáis das boas cualidades persoais que poida ter o alcalde e que destacan os seus veciños, e que non se lle negan, na balanza deberon pesar outras cousas.

"O noso obxectivo é que a xente perciba que somos un máis"Algunha delas ben puido ser levar a bo porto os orzamentos participativos, dos que xa se aprobaron tres anualidades, crear grupos de consumo que faciliten á xente a adquisición de productos, como os vinculados ás novas tecnoloxías, promocionar as enerxías renovables entre a poboación e aforrar na factura de consumo enerxético, abrir as portas do Concello á cidadanía, á que se lle deu máis que nunca voz nos plenos, recuperar centros sociais para o uso e desfrute da veciñanza, incrementar os recursos adicados aos servizos sociais, numerar tódalas vivendas do termo municipal ou crear unha horta de conservación de froiteiras autóctonas que lle valeu unha mención por parte da Fundación Biodiversidade que o sitúa entre un dos concellos máis sustentables de Galicia. En definitiva son moitas as cousas que os veciños tiveron presentes á hora de decidir o seu voto. Despois de enumerar todo isto, podería quedar nun segundo plano o feito de que, ademais, o rexedor sexa boa persoa, como esgrimen os seus veciños e veciñas.

—¿Agardaba estes resultados?—Home, nós contabamos gañar. O obxectivo político era a maioría absoluta, pero, a partir de aí, non somos adiviños nin profetas, nin queremos, e non sabiamos o que ía acontecer pero a cidadanía é soberana.

—¿Que pensa vostede que tivo en conta a veciñanza?—Eu penso que a xente nos veu tal e como somos, persoas normais que estabamos implicadas no traballo municipal. Cónstame que traballamos, que o grupo ao completo traballou duro. Penso que percibiron que somos persoas implicadas e traballadoras e que tratabamos de resolver eses problemas que xurdían, que é para o que nos elixiron os veciños. Sobre todo, porque eramos persoas normais. A xente aos concellos ven resolver os problemas, non ven de visita ou vacacións, para iso están outras opcións. Cando veñen facer xestións sempre ten que haber quen os atenda, e eu entendo que iso se valorou positivamente.

—¿Converteuse Secundino na mellor baza do Bloque?—Bueno, os resultados non se poden descontextualizar. Foron parecidos en tódolos lados. A situación de crise está facendo, moi ao noso pesar, que o PP, que son os que realmente defenden o modelo que nos levou a esta situación económica, son os que levan os réditos electorais. Cun contexto moi polarizado pola política estatal e a dialéctica entre PP e PSOE forzas políticas como o BNG, que son transformadoras, realmente o teñen moito máis difícil. Non obstante, onde tiñamos responsabilidades de goberno ou onde a xente percibiu que o Bloque era unha forza distinta do PP e o PSOE, os resultados foron mellores. De feito o BNG ten máis maiorías abolutas que antes. É certo que os resultados nas cidades empañan os xerais, sobre todo pola incidencia. Pero na comarca de Ferrol tampouco foi tanta a baixada do BNG. O PP tamén baixou bastante na comarca e ninguén o di, de feito, aspiraban a gobernar douscentos e pico concellos e non o lograron. Si que é certo que o que pasa nas cidades marca un pouco a liña xeral. Seguro que o Bloque non terá menos alcaldías que hai catro años, pero haberá que esperar ao sábado.

"A xente percibiu que somos persoas honestas e traballadoras e que lles resolvemos os problemas"—¿Moitos o ven a vostede lonxe de San Sadurniño?—Aínda que poida parecer un tópico vou estar catro anos volcado na política municipal, que foi para o que me elexiron os veciños, non teño máis pretensións tampouco.

—¿Que balance faría vostede dos catro anos que estivo dirixindo o goberno local?—Positivo. Sobre todo despois de ver que o noso proxecto está refrendado pola cidadanía, moitas veces a acción de goberno pódete absorber e pensar que o estás facendo ben e a sociedade dicirche outra cousa. Neste caso a sociedade percibiu que o estabamos a facer ben. O principal obxectivo era que a xente sentira que o Concello non é somentes unha posesión, una parte do poder, trátase de facer algo positivo con ese poder e que a xente o teña presente. Nós somos un grupo, non me gusta dicir fixemos isto ou o outro pero abrimos o concello á sociedade, aínda que parece unha frase feita, e logramos que a xente se implicara un pouco na gobernanza. Tamén aprobamos os mecanismos necesarios para facelo como o Regulamento de Participación Veciñal e creamos o Consello de Participación Veciñal, onde está o movemento asociativo. Son ferramentas que a xente ten aí, despois se participan ou non é outra cuestión, pero nós puxemos os medios.Temos tamén aí uns orzamentos participativos, cun 10% do investimento que os veciños elixen onde se vai gastar. Nisto tamén fomos pioneiros. O máis importante dos orzamentos participativos é que a xente tome decisións, porque cada vez está a participar máis, incluso dándolle outro sentido a esa participación. O ideal é que tódolos orzamentos se puidesen aprobar así, ao fin e ao cabo os políticos o que somos é delegados desa xente.

—¿Ata que punto a crise condicionou a súa política nestes catro anos?—Nos concellos rurais a crise do ladrillo, que foi o primeiro que se empezou a notar nos concellos aínda que agora nótase tamén a crise económica, non afecta tanto. Pode dicirse que ao principio a crise do ladrillo non tivo repercusión ningunha. De feito, tiñamos orzamentados entre 35.000 e 45.000 euros para a construción, cumplindo coas previsións, incluso recaudase máis agora que cando estalou a burbulla inmobiliaria, xa que moita xente decantouse por amañar as súas casas. Nese aspecto non o notamos pero sí o notaremos nas transferencias doutras administracións. Mirando soamente para os orzamentos da Xunta, xa intuimos o que pode vir.

"Ao fin os políticos non somos máis que delegados da xente"—¿E como están as contas?—Temos que dicir que a economía do Concello está totalmente saneada. Nós conseguimos pechar os catro anos deste mandato con superávit. Que non se entenda mal, os concellos non somos bancos, pero nós aprobamos os orzamentos cando marca a lei, dous meses antes de iniciar o exercizo. Acabar con remanente positivo quere dicir que as previsións de ingresos e gastos foron axustadas ó que figura no documento, que non era artificial ou inflado. Contas como o gasto persoal non superan o 30% e o corrente tampouco.

—¿Que hai do saneamento?—Está sen executar porque a Xunta o ten paralizado desde hai uns anos. O máis grave é que foron eles os que nos pediron o proxecto, que nos custou catro mil euros, e está paralizado, e iso con todo un delegado territorial de San Sadurniño que se comprometeu varias veces a desbloquealo


—¿Algo quedaría por facer nestes catro anos?— Aprobar o Plan Xeral, un compromiso que tiñamos e que está manifestamente incumplido, pero ten a súa xustificación. Houbo que revisar toda a documentación, como a identificación núcleos e a inclusión doutros que non figuraban no nomenclator. Tamén tivemos que adaptarnos a cambios lexislativos e estabamos pendentes dun documento de Augas sobre a zona inundable do río Xuvia para excluir a parte afectada do ámbito de actuación, unha resolución que non chegou ata hai uns meses. Xa temos a avaliación ambiental estratéxica preparada e temos o documento de avance para remitirllo á Xunta tralo verán. Despois daremolo a coñecer a todos os veciños que deben coñecer. Tamén hai o compromiso de facer asembleas nas parroquias para que todo o mundo coñeza os pormenores.

—¿Hai algo do que se sinta especialmente fachendoso?—Asinar o convenio do parque empresarial, que era unha demanda desde os anos 80. Firmouse no 2007 coa Xunta, que debía facerse cargo da urbanización do recinto. Aínda estamos esperando. Tamén sumamos solo para equipamentos, porque cando chegamos aquí non había nada. Trala negociación cunha cooperativa dispuxemos de solo público onde a Xunta construiu o centro de día, que funciona con ocupación plena, non co modelo público que nós queriamos, pero está aí. Outro dos logros foi conseguir a cesión do Pazo da Marquesa. Son cousas que levaron moito tempo, e é difícil explicar á xente a lentitude da administración. Tamén multiplicamos os recursos destinados á atención a Terceira Idade e dependentes que se multiplicaron por tres.

A presenza de mulleres na corporación pasa de 1 a 4Outra cuestión que destaca o rexedor en funcións é a presencia, por primeira vez, de catro mulleres na corporación, cando o máximo fora de unha.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]