Tomiño é unha das vilas de Galiza cunha mellor inserción laboral das mulleres

Sandra González, alcaldesa de Tomiño

Información publicada hoxe no xornal Faro de Vigo

Tomiño, 7 de xuño 2011.- EVA GONZÁLEZ - O municipio de Tomiño é unha das tres poboacións que resalta en Galiza, xunto con Amoeiro e Ourense, polos resultados do plan de inserción laboral de mulleres que loitan contra a exclusión social. A directora do Instituto de la Mujer, Laura Seara, e a alcaldesa en funcións, Sandra González, subscribiron onte un convenio para desenvolver durante outros dous anos máis o plan Clara, un programa de igualdade de oportunidades financiado con 82.000 euros do Instituto da Muller e con outros 6.000 do Concello tomiñés. É decisivo para iso o resultado da primeira promoción do plan, con 20 mulleres das que se empregaron cinco.

Laura Seara manifestou que valora dos resultados de Tomiño a "ampla receptividade, o acerto en escoller os perfís das participantes e a valía dos técnicos e técnicas que participaron", unha delas Eva Cañizares, que estivo presente no acto, do mesmo xeito que concelleiros do goberno tomiñés.

A rexedora do BNG repetiu a mesma frase que utilizou na clausura da primeira promoción do plan Clara "hai un antes e un despois nestas mulleres", referíndose ás 20 participantes, entre 19 e 50 anos de idade, unhas vítimas de violencia, outras inmigrantes retornadas, con problemas de adicción, de familias monoparentais, etc. "Seleccionáronse entre 200 aspirantes. Neste plan promóvese a súa autoestima, estimúlanse as súas capacidades. É un programa milagroso, con itinerarios personalizados para cada caso, co fin de que cada unha saia adiante".

Para iso realizáronse talleres de orientación ao emprego, encontros, Vera Almeida visitou Tomiño, houbo foros, debates, formación en agricultura ecolóxica. As 20 mulleres participaron nun curso de atención sociosanitaria, impartido polo centro Meu Lareira, destinado a persoas con dependencia, do que xurdiron 5 insercións laborais, dada a realidade social da contorna, con residencias de maiores e centro de día. "A motivación é imprescindible para conseguir que se sintan válidas, fórmense e se sintan capaces de realizarse. De feito "trátase de pór en valor as tarefas que xa realizan moitas de elas", explicou a alcaldesa.

Laura Seara afirmou que "falar de igualdade, é falar de recursos económicos e humanos". Puxo como exemplo que empresas onde hai máis plans de igualdade e conciliación laboral, son as que mellor resisten a crise. "Apréciase que o sector empresarial está a concienciarse de que as políticas de igualdade son máis necesarias que nunca", precisou.

Nun prazo de mes e medio calcúlase que comezará a selección do persoal técnico para desenvolver o plan Clara.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]