O goberno do BNG en Melide pon en marcha un programa de reforzo educativo para alumnado de primaria

Socorro Cea, alcaldesa de Melide

Vinte e catro alumnos de 2º e 3º ciclo de Primaria asistirán a dúas sesións por semana para reducir posibles dificultades de lectura, escritura, comprensión ou resolución de problemas. As sesións, gratuítas, son de unha hora e desenvólvense no Edificio Multiusos.
Logo da boa acollida que tivo en 2009 e 2010 o programa de reforzo educativo impulsado polo Concello de Melide para alumnos de 2º e 3º ciclo de Educación Primaria, este venres, 25 de febreiro, retómase novamente no Edificio Multiusos.

O reforzo educativo é unha ferramenta que o Concello puxo a disposición dos pais e nais de alumnos con algunhas dificultades para a adquisición de contidos básicos ou relacionados coa lectura, a escritura o cálculo ou a resolución de problemas. Por iso, dende este venres e ata o 15 de abril desenvolveranse sesións de unha hora os martes e venres no edificio Multiusos de Melide. En función das idades, ás 17.30h serán as sesións para o alumnado de 3º e 4º de Primaria, e ás 18.30h para o alumnado de 5º e 6º.

O Concello de Melide ofertou esta actividade aos colexios, que son os encargados de seleccionar –cada un deles- a oito alumnos para participar no programa, e que así oferta vinte e catro prazas totalmente gratuítas.
O programa de reforzo educativo foi xa valorado moi positivamente polos pais e nais nas dúas edicións anteriores como complemento ás actividades docentes dos escolares. Dende o Concello insisten tamén na importancia da implicación das familias nesta iniciativa, xa que o apoio aos escolares para participar nas sesións fai que estas sexan máis dinámicas e atractivas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]