Entrevista a Xosé Manuel Barcia, alcalde de Mugardos

Xosé Manuel Barcia

C.P. A súa investidura tivo moito “suspense” e estivo preto de non terse producido, pero, finalmente, Xosé Manuel Barcia (BNG) repite como alcalde de Mugardos. Será un mandato en ampla minoría –o PP conta con catro edís, os mesmos que Bloque, EU con tres e o PSOE con dous–, pero o rexidor non dubida de que contará coa colaboración dos demais partidos nas cuestións importantes para os cidadáns.
—Xa se cumpríu algo máis dun mes dende a constitución do goberno municipal. Como está levando estas semanas de traballo?
—Este primeiro mes estivemos adicados a facer unha serie de contactos cos grupos, tratando de acercar posturas para aprobar o organigrama do Concello –a proposta do Bloque saíu adiante no pleno de organización celebrado a pasada semana– porque outros contactos de cara a pactos de goberno non se deron ata agora. A vontade de todos os grupos é chegar a un consenso para que ninguén saia máis perxudicado que outro e a miña proposta foi no sentido de reducir o gasto en todo o que se puidera, por exemplo na asistencia ás comisións e a súa periodicidade.
—Ata o momento entón existe un ánimo de entendemento entre os grupos...
—Si, cabe destacar ata agora o consenso. Dende a alcaldía vanse seguir todos os pasos para acadar a colaboración de todos os partidos. En base a esa vontade do grupo de goberno, por exemplo, a representación do Concello en organismos colexiados, se na anterior lexislatura a tiña toda o equipo de goberno, nesta vaise repartir entre todos os partidos. (PP no Consorcio de Benestar, EU en Costa Noroeste e PSOE na mesa local de comercio). Entendo que nós demos un paso importante ó darlle participación nestes órganos colexiados á oposición e cremos que, no día a día, pois tamén esperamos que, facendo unha chamada á responsabilidade de todos, colaboren no que importa, que é que Mugardos siga avanzando. Dende o equipo de goberno faremos todo o que sexa necesario para que as cousas que sexan de interés para Mugardos se fagan co maior consenso posible.
—Neste mesmo espírito de cooperación entre partidos, que proxectos considera que terán que sacar adiante entre todos?
—Hai un tema importantísimo, que é a redacción do Plan de Urbanismo. É un deses temas nos que debe haber consenso, non cabe dúbida, porque é a ferramenta que vai decidir o futuro de Mugardos e por iso nós estamos abertos a chegar a acordos con todos. Hai outros temas pendentes, como pode ser unha modificación puntual do plan actual para Punta Promontoiro, e ahí tamén buscaremos o consenso, aínda que vai ser difícil que se chegue a un acordo por unanimidade, xa que sabemos que Esquerda Unida está en contra deste proxecto, pero iso non impedirá que tratemos de buscarlo. Tamén hai unha proposta que todos os grupos levabamos no programa na campaña electoral, como é a apertura dun novo vial dende o peirao pola costa para que dea unha fluidez ó tráfico rodado de Mugardos, sacalo do centro da vila e desvialo pola costa. Tamén esperamos colaboración. É algo que creo que deberíamos aprobar xa, coas modificacións que propoña cada grupo, pero estamos decididos a que saia para adiante canto antes. Finalmente, buscar consenso no tema da organización interna do Concello, que é necesaria, a RPT (relación de postos de traballo) temos que aprobala; ou o tema do centro de día que está pendente de executar por parte da Xunta. Cabe esperar que todos os grupos poidan facer forza para que eses proxectos saian para adiante, como o novo polideportivo de Mugardos.
—Como afronta un mandato no que a crise será un importante obstáculo para as corporacións?
—Penso que nos próximos orzamentos que están sen aprobar, temos que facer esforzos todos para recortar os gastos, e nese sentido tamén espero contar coa colaboración de todos para buscar fórmulas que nos permitan seguir existindo como administración local, poder seguir facendo cousas a pesar da crise. É necesario facer unha reflexión profunda sobre o recorte dos gastos, pero nese sentido non vai haber problemas porque estamos abertos a todas as aportacións que sexan positivas nese sentido e creo que os demais grupos están nesa onda. Tan pronto nos poñamos a traballar, xa organizados dentro do Concello en cada comisión, cada grupo fará as súas aportacións e creo que nesas cousas puntuales non vai haber moito problema.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]