40.000 visitantes consolidan o Achegarte na Coruña

Numeroso público acudiu a esta edición de Achegarte

A Coruña, abril 2011.- A mostra Achegarte pechou este fin de semana as súas portas no Palexco coruñés tras unha edición que a organziación non dubidou en cualificar de "grande éxito" pola afluencia de visitantes aos numerosos stands instalados neste expositor da industria cultural galega, e tras unha alta participación nas presentacións e obradoiros, nos que na meirande parte dos casos se encheron as prazas previstas.

O encontro, organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, dirixida pola concelleira do BNG, María Xosé Bravo, ten como obxectivo achegar o labor creativo de artistas e industrias culturais galegas á cidadanía. Para acadar esta meta, participaron no evento máis de cen entidades e personaxes do eido da cultura, que presentaron máis de cen propostas ao longo destes días, en diferentes disciplinas artísticas, desde teatro e danza até música.

A mostra pecharase ás nove da noite e, segundo os cálculos da organización e o ritmo ao que se está a desenvolver, estimaron que por Palexco terán pasado ao longo destes dous días máis de 40.000 persoas.

En total, o programa incluíu 28 concertos en vivo, 14 representacións teatrais e seis espectáculos de danza, ademais de obradoiros, presentacións, conferencias e espectáculos de maxia. Durante a xornada do sábado os asistentes puideron gozar de espectáculos de maxia, teatro (con representacións de compañías como Teatro do Morcego ou Elefante Elegante) e música, así como de numerosos obradoiros pensados fundamentalmente para os nenos. Precisamente, o familiar foi un dos perfís máis destacados de visitantes a esta mostra, na que unha das citas musicais más destacadas do sábado foi a actuación de Luar na Lubre.

Cartaz da mostra

Xa na xornada de onte, o programa nutríase cos concertos de DOA ou Duplo Son. Pola mañá actuou Bellón Maceira e outros grupos, que acadaron unha grande afluencia de público. Os máis pequenos tamén puideron gozar das actividades musicais con propostas pensadas para eles: Pablo Díaz e o grupo Tic-Tac, a Pel de noz, A nena e o grilo ou Pesdelán foron algunhas das propostas. No que respecta á danza, onte pola mañá actuou o grupos IN-Nova Danza, e pola tarde pecharon o programa Danesga e Nova Galega de Danza.

En Achegarte tamén houbo espazo para a maxia, xa que o sábado puidemos gozar dunha actuación da Asociación de Magos Profesionais de Galicia. En canto ao programa de Cinema para os máis pequenos, pola tarde presentouse no Teatro Rosalía de Castro, o pase promocional da película A Casa da luz.

"Cara a cara" de creadores

Espazos para a presentación de libros, sinaturas de autores son outra das ofertas deste encontro, onde tamén se presentaron orixinais "Cara a Cara", nos que dous creadores e un xornalista conversan sobre os seus últimos traballos, sobre o proceso da creación, os públicos ou os médios. Hoxe participaron nesta sección Alberto Ramos, Manuel Rivas e Mercedes Peón, así como Yolanda Casal, que falou con Uxía e Xurxo Souto.

Entre as editoras asistentes, figuraba OQO e o seu departamento audiovisual, OQO Filmes. A editora, ademais dun stand propio coas súas novidades, tamén estivo presente cun concerto-espectáculo de A nena e o grilo ofrecido onte por Magín Blanco.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]