O BNG vota en contra do orzamento do Consorcio "porque foi feito sen contar cos concellos e con criterios caciquís"

Santiago de Compostela, 1 febreiro 2011.- O secretario de Acción Municipal do BNG, Manuel Antelo, explica que os e as representantes do BNG na Asemblea do Consorcio Galego de Servizos Sociais votaron esta mañá en contra do orzamento deste organismo para este ano “porque foi feito polo Goberno da Xunta sen contar cos concellos e cun reparto dos investimentos irracional e caciquil”.

Ninguneo aos concellos

En primeiro lugar, o representante do BNG denuncia “o ninguneo do goberno da Xunta aos concellos no normal funcionamento do Consorcio”. Así, o orzamento que hoxe se someteu a aprobación á asemblea do Consorcio, “xa estaba aprobado, pois foi incluído nos orzamentos da Xunta, cando o procedemento debería de ser que con antelación o Consorcio fixera unha proposta de anteproxecto e que, polo tanto, a Xunta incorporase no orzamento do Consorcio o punto de vista dos concellos”.

A Xunta pretende aprobar de xeito unilateral e antirregulamentario a liquidación dos concellos

Ademais, denuncia que na asemblea desta mañá a Xunta de Galiza “fixo patente a súa decisión de aprobar de xeito unilateral e antirregulamentario a liquidación das aportacións correspondente aos concellos, cando segundo os estatutos do Consorcio é unha decisión que debe adoptar unha comisión bilateral na que estean presentes os municipios”.

Apróbase a construción de 18 novos centros cando hai 16 que se manteñen pechados

Por outro lado, Manuel Antelo considera “inconcibíbel que a Xunta preste cartos para a construción de 18 novos centros de día e escolas infantís cando mantén máis de 16 centros de día, moitos deles rematados hai máis de dous anos e equipados, sen abrir”.

Neste sentido, denuncia que “a Xunta utiliza os recursos públicos para beneficiar eleitoralmente aos candidatos do PP creando escolas infantís e centros de día nos seus concellos e mantendo pechados os anteriores”. Manuel Antelo tamén se pregunta se estes novos investimentos “demostran acaso o exceso de compromisos para centros de día e escolas infantís do anterior Goberno Bipartito participado polo BNG que denunciou o PP cando asumiu o goberno”.

A Xunta reduce as súas aportacións en 8 millóns mentres que os concellos téñena que aumentar nun 350%

Ademais, o secretario de Acción Municipal do BNG denuncia que a Xunta “establece un recorte de 8 millóns nas súas aportacións ao Consorcio para este ano, dos cales 5 millóns de euros corresponden a transferencias ao Consorcio,ao tempo que se prevé un incremento dun 350% nas transferencias dos concellos, en máis de 6 millóns de euros, así como un 74% de incremento nos prezos públicos”. “É dicir, a Xunta carga os seus recortes aos concellos e, en menor medida, aos usuarios”, denuncia.

Política errática e incoherente do goberno da Xunta: elimina o Consorcio e agora recoñece que é necesario

Manuel Antelo tamén critica que “hai 7 meses o Goberno de Feijoo anunciase a bombo e platillo que ía liquidar o Consorcio e agora atopámonos cun asemblea onde non só se aproba un novo orzamento senón tamén os investimentos para novos equipamentos”.

Deste xeito, salienta que “demóstrase a política errática e incoherente do goberno do PP, que adoptou aquela decisión para o escaparate mediático, pero a realidade ven demostrar a necesidade dun ente de colaboración entre os concellos e a Xunta para a planificación, transferencia e posta en marcha das políticas que teñen que ver co benestar e coa igualdade no ámbito municipal de Galiza”.

Por último, o secretario de Acción Municipal do BNG volveu denunciar a política de privatización dos servizos sociais que está a aplicar o Partido Popular dende a Xunta de Galiza, “un verdadeiro erro que prexudica a toda a sociedade, e máxime nun momento de crise”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]