Os usuarios do centro ocupacional de Culleredo ensinarán a facer papel reciclado a 400 escolares

Raquel Jabares

Culleredo.- 20 de xaneiro de 2011.- O Concello de Culleredo fomentará a visualización social dos usuarios da Escada, o centro ocupacional para persoas con discapacidade intelectual que se empraza no Burgo, converténdoos en monitores dos escolares cullerdenses. Os alumnos da Escada visitarán neste primeiro trimestre do ano a uns 400 nenos que cursan 1º e 2º de Primaria nos colexios de Tarrío e Ría do Burgo coa finalidade de impartirlles un obradoiro de elaboración de papel reciclado.

“Ensinaremos o valor da diversidade aos pequenos, ao tempo que involucramos activamente aos usuarios da Escada”, apunta a nacionalista Raquel Jabares, primeira tenente de alcalde e responsable da área de Benestar Social. A concelleira recorda que a idea de que os alumnos do centro ocupacional asumisen este obradoiro data de 2008. “O primeiro ano realizouse só na Escola Infantil A Tartaruga, pero logo estendeuse ás outras tres e agora aos colexios”, sinala.

En efecto, trátase da primera ocasión na que os usuarios da Escada farán de mestres para os escolares dos CEIP. Todos os alumnos asumirán o papel de ensinar o obradoiro, para o que se establecerán distintas quendas.

Despois de que remate a realización da actividade para os escolares, os alumnos da Escada repetirana para os pequenos das escolas infantís. Será no mes de maio. Como ven sucedendo estes anos, os primeiros poñerán todo o seu esmero para que os segundos comprendan o proceso de creación dun papel novo a partires dos periódicos vellos.

Así, os nenos participaron en todas as fases da elaboración do obradoiro, desde facer añicos os diarios antigos ata a colocación da masa na rexilla ou ao seu prensado manual.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]