O BNG denuncia que "o goberno de Feijoo elude as súas responsabilidades ante a crise de financiamento dos concellos"

Manuel Antelo, responsábel de Acción Municipal do BNG

Santiago de Compostela, 16 xaneiro 2011.- O secretario de Acción Municipal do BNG, Manuel Antelo, critica que “o goberno da Xunta elude as súas responsabilidades ante a grave crise de financiamento que están a padecer os concellos galegos”.

“O BNG dille ao PP -subliña- que faga propostas a favor dos concellos máis aló de xogar ao desgaste do Goberno Central, actuando coma se non gobernaran na Xunta onde teñen competencias e responsabilidades no financiamento dos concellos”.

“O aprazamento das liquidacións alivia pero non cura o problema”

O BNG entende que a crise de financiamento dos concellos “é debida a un mal sistema implantado polos gobernos do PSOE e do PP” e advirte de que “o aprazamento das liquidacións negativas alivia pero non cura o problema”.

Neste sentido, Manuel Antelo defende “unha reformulación do sistema de financiamento dos concellos, tal e como plantexou o BNG diversas iniciativas nas Cortes, no Parlamento galego e nos concellos”.

Hai que introducir as variábeis de avellentamento, dispersión e superficie na Participación nos Ingresos do Estado

Así, lembra que “se quere axudar de verdade aos concellos galegos, o PP pode apoiar nas Cortes e no Parlamento Galego a proposta do BNG de modificación do sistema de financiamento local, coa introdución de novas variables que son máis acordes coas realidades municipais e eliminan a discriminación dos concellos galegos na Participación dos Ingresos do Estado, como son o avellentamento, superficie e dispersión territorial”.

A supresión das deputacións aportaría máis de 300 millóns de euros aos concellos galegos

Igualmente, Manuel Antelo defende a proposta do BNG de racionalizar e facer máis eficiente o entramado administrativo local mediante, entre outras medidas, o baleirado de contido das deputacións, “unha medida que suporá unha transferencia de máis de 300 millóns de euros para os concellos galegos, anualmente”.

Modificar os ingresos do Fondo de Cooperación Local: 65 millóns máis

Ademais, o BNG aposta por modificar os ingresos do Fondo de Cooperación Local, “incorporando neste as contías previstas para subvencións e axudas, que a maioría das veces se escapa ao control democrático e serve para manter políticas clientelares”.

Manuel Antelo salienta que “esta é unha proposta da FEGAMP, que incrementaría os recursos do fondo de cooperación local en 65 millóns de euros”.

“O PP recorta os investimentos sociais, prexudicando aos concellos”

Tamén dentro das competencias da Xunta de Galiza, o responsábel do BNG dille ao Partido Popular que “se de verdade lle preocupa o financiamento dos concellos galegos debería rectificar os recortes no financiamento da política social que vai prexudicar negativamente o financiamento dos municipios galegos, que veñen asumindo estes servizos, e que moitas veces se trata de competencias impropias”.

“Do mesmo xeito -engade- debería rectificar no desmantelamento do Consorcio de Igualdade e Benestar que era o organismo colaborativo entre a Xunta e os concellos para xestionar e financiar os servizos sociais. Con estas decisións a Xunta está deixando abandonados aos concellos no financiamento dos servizos socias”.

Por iso, o secretario de Acción Municipal do BNG dille ao PP que “se ten preocupación pola saúde financeira dos concellos vote a favor das proposta do BNG, e non xogue unicamente a desertar das súas responsabilidades institucionais e na Xunta de Galiza, igual que o señor Feijoo, máis preocupado pola súa carreira política en Madrid e por poñerlle deberes aos demais, que polo benestar dos galegos e galegas e por asumir as súas responsabilidades”

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]