Melide habilitará un transporte propio para a mocidade ao suprimirse o Noitebús

O BNG e Galiza Nova téñense posicionado contra a supresión do Noitebús por parte do Goberno do PP na Xunta

Melide, 29 decembro 2010.- O servizo de transporte nocturno impulsado polo anterior goberno da Xunta para ofrecer unha alternativa segura de desprazamento nas noites de movida non só era unha garantía para previr os accidentes de tráfico asociados ao consumo de alcol. A medida tamén repercutiu en beneficio dos negocios de hostalaría nocturna ao ser valorada polos usuarios como un factor para decidir desprazarse a unha ou outra localidade con marcha. Que llo pregunten, se non, aos propietarios de pubs, discotecas, bares e cafetarías de Melide, que, ante a decisión do actual goberno do PP de prescindir do coñecido como Noitebús, sumáronse masivamente a unha iniciativa impulsada pola asociación de empresarios da comarca (Asetem) para pór en marcha o seu propio servizo de transporte colectivo para as noites dos sábados.

Trinta e oito hostaleiros melidenses uníronse para financiar o custo de seis rutas con paradas en dezaoito municipios para os que a localidade é un referente de movida nocturna. Tras máis de dous meses traballando na iniciativa, a presidenta de Asetem, Sonia Valiño, confirmou que o servizo de transporte nocturno co que se suplirá o Noitebús comezará a funcionar o próximo día 8 de xaneiro. 'Móvete a Melide' é a lema baixo o que se presentará a campaña aos usuarios, que disporán, con destino á capital comarcal, das liñas Lalín-Rodeiro-Agolada, Taboada-Monterroso-Palas de Rei, Friol-Sobrado dos Monxes-Corredoiras-Boimorto-Arzúa, Vila de Cruces-Visantoña, Teixeiro-Curtis-Présaras-Corredoiras e Arca-Touro-Arzúa.

A posta en marcha do servizo suporá para os hostaleiros un custo, por sábado, de máis de 1.300 euros, dos que o Concello melidense subvencionará o 10 por cento. Pola súa banda, os usuarios terán que abonar tres euros por cada viaxe, aínda que o de volta será gratuíto se presentan a acreditación da que se lles fará entrega se realizan algunha consumición nalgún do trinta oito establecementos que secundan a iniciativa.

400 persoas utilizan o Noitebus cada sábado

A presidenta de Asetem, Sonia Valiño, expuxo aos hostaleiros impulsar un servizo de transporte nocturno propio «porque contribúe a evitar accidentes», afirma. «Iso é o fundamental -engade-, pero tamén é certo que o Noitebús traía xente a Melide, entre trescentas e catrocentas persoas un sábado normal». Por esas razóns, Valiño lembra que a asociación de empresarios que preside e o Concello dirixiranse conxuntamente á Xunta para solicitar a continuidade do Noitebús, apoiándose nunha recollida de firmas, xa en marcha nos negocios da localidade.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]