Potestade normativa dun concello

A POTESTADE NORMATIVA DOS CONCELLOS

Poden os concellos ditar normas xurídicas propias, dentro do ámbito das súas competencias?

Poden. A través de ordenanzas, regulamentos e bandos, supeditados á orde xurídica superior.

Que é un regulamento?

É unha norma xurídica, que regula o funcionamento interno dun concello, como, por exemplo, o Regulamento Municipal de Autoturismos ou o Regulamento Orgánico Municipal.

Que é unha ordenanza?
É unha norma xurídica que regula a relación dos administrados e administradas co Concello, dentro das competencias municipais.

Cal é o ámbito de aplicación dunha ordenanza?
É o do termo municipal, non tendo efectos fóra del.

Que clases de ordenanzas hai?
Ordenanzas xerais, que regula as relacións veciñais; ordenanzas urbanísticas; e ordenanzas fiscais, que regula os tributos locais.

Como se aproban as ordenanzas e regulamentos?
O pleno do Concello aproba inicialmente a ordenanza ou regulamento por maioría simple, agás as ordenanzas fiscais, urbanísticas e o regulamento orgánico, que se aproban por maioría absoluta. A continuación sométense a un período de exposición pública de 30 días como mínimo, no que as persoas interesadas poderán presentar reclamacións. Rematada a exposición pública resólvense as reclamacións que houbera, apróbanse definitivamente polo pleno e publícanse no boletín oficial da provincia. Se non houbese reclamacións ás ordenanzas fiscais entón considéranse aprobadas definitivamente transcorrido o prazo de exposición pública, sen necesidade de volvelas a aprobar en pleno.

Cando entran en vigor as ordenanzas e regulamentos?
No caso das ordenanzas fiscais, no momento en que se publiquen definitivamente no boletín oficial da provincia. Nos outros casos, transcorrido o prazo previsto legalmente, unha vez publicadas definitivamente no boletín oficial da provincia.

Que é un bando?
É unha disposición ou mandato que aproba e dita directamente o alcalde ou alcaldesa para lembrar, aclarar ou aplicar o previsto noutra norma, dar a coñecer situacións de interese ou solicitar a cooperación veciñal. Un bando non pode innovar o ordenamento xurídico.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]