SANTIAGO DE COMPOSTELA: Rubén Cela Díaz

Rubén Cela

CURRICULUM de Rubén Cela Díaz:

Nado en 1979 en Lugo, Rubén Cela é Licenciado en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Realizou estudos de postgrao como Especialista en Dereito Tributario e é Técnico Superior en Prevención en Riscos Laborais.

Desde moi novo milita no nacionalismo galego onde desenvolveu diferentes responsabilidades como representante de alumnos nos Comités Abertos de Estudantes (CAE) e nos Comités Abertos de Faculdade (CAF). No perído 2000/2004 asumiu a Secretaría Xeral de Galiza Nova, da organización xuvenil do BNG.

Foi membro do Consello Nacional do BNG e Director Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galiza no período 2005/2009.

Actualmente traballa como economista no ámbito da empresa privada, desenvolvendo tarefas de asesoramento a empresas na realización de proxectos europeos, internacionaliación de produto e busca de recursos.

 

É o Resposábel Local do BNG de Santiago e candidato á alcaldía desta cidade polo BNG, nas vindeiras Elección Municipais de 2011
-Por qué te presentas á alcaldía de Santiago?


Para calquera nacionalista é un orgullo poder ser o alcalde da capital do país, da nosa nación. Para min, persoalmente, Compostela é a cidade na que comecei a miña vida adulta, por dicilo dalgún xeito. Como tantos outros composteláns cheguei a esta cidade para estudar na Universidade e xa fiquei aquí instalado, escollín Santiago para vivir a miña vida.

No último ano veño exercendo de responsábel local do BNG en Santiago e puiden facer un seguimento máis intenso da cidade e do noso traballo no goberno. Agora ser candidato á Alcaldia da miña cidade é para min un orgullo e tamén un reto persoal.

-Qué cambios vas impulsar no teu concello dende o goberno municipal?


A Compostela moderna e cosmopolita que coñecemos hoxe non podería entenderse sen a acción de goberno das e dos concelleiros do BNG nestes últimos dez anos. Ademais isto é unha afirmación que e é plenamente recoñecida pola veciñanza de Santiago. que avalía dun dun xeito moi positivo, a acción de goberno do nacionalismo. Por todo isto mais que mudanzas radicais o que vamos tentar é aprofundar neste bo camiño e continuar avanzando, canto máis forza teña o BNG, máis posibilidades teremos de continuar a construír esta Compostela do século XXI.

Evidentemente ainda restan moitas cousas por facer, comezando por continuar co combate á crise económica e axudar a esas 7.000 persoas desempregadas que hai en Compostela. Imos colocar como principal prioridade as políticas de emprego e as políticas sociais porque non estamos de acordo coas medidas que tanto PP como PSOE queren impor, medidas que sempre pasan porque os de sempre paguen a crise mentres os verdadeiros culpábeis fican impunes.

-Por qué militas no nacionalismo?

Milito no nacionalismo por compromiso con Galiza e por compromiso co pobo galego, supoño que ao igual que a maoiría dos e das nacionalistas, no meu caso desde crianza sempre tiven moitas inquedanzas ao respecto de cuestións sociais. O meu primeiro contacto co nacionalismo foi a través dun profesor de literatura do instituto que cualificou o 'Sempre en Galiza' como a biblia do nacionalismo, pouco despois torcín un pé e tiven que ficar na cama unha semana que aproveitei para ler o ensaio de Castelao. E aquí encontrei moitas das respostas a preguntas que eu xa me facía, en definitiva, descubrín que eu propio era tamén nacionalista. Desde ese momento fun achegandome ao BNG e a Galiza Nova até que xa na época universitaria comezo a militar activamente, sendo secretario nacional da organización xuvenil con 20 anos.

-Cal é o papel do BNG na política local?

No caso concreto de Santiago, o BNG está a ter un importante papel na transformación da cidade e sobre todo na relación entre cidadanía e institución municipal. Con isto quero salientar a abertura, que se ten producido na última década, do Concello a toda a veciñanza. Para isto temos potenciado e fomentado un diálogo directo con todos os actores sociais da nosa cidade e ademais temos habilitado formulas de participación social que axudan moito a unha maior implicación cidadá na gobernabilidade de Compostela e na toma de decisións.

Ademais o BNG continúa a ser unha organización catalizadora das demandas e reivindicacións da cidade en xeral e dos barrios e parroquias en particular. Isto pode comprobarse en calquera tipo de mobilización social, xa sexa para defender a língua, para denunciar casos de barbarie como os que acontecen acotío no Sahara ou en Palestina ou para defender o sector público galego, sempre verás ao BNG de Santiago á frente destas mobilizacións. Mais tamén en casos e polémicas locais, como na tramitación do último PXOM onde fomos o catalizador de moitas alegacións e protestas da veciñanza afectada pola primeira redacción, ou como en casos como no da praza pública de Salgueiriños, por pór un par de exemplos. En ambos casos puxémonos da beira da veciñanza e conseguimos que mudase o guión preestabelecido.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]