OURENSE: Isabel Pérez González

Isabel Pérez

Isabel Pérez González (Ourense 1964).
Licenciada en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de
Compostela, Profesora de Latín en ensino secundario con destino no IES
Chamoso Lamas (O Carballiño).

Concelleira do Concello de Ourense desde 2003, despois de 2007 Concelleira
de Cultura, Festas, Festival de Cine. Auditorio. Normalización Lingúística
do Concello de Ourense.
Tenente Alcalde Concello de Ourense.

Presidenta do Consorcio Festival de Cine de Ourense.

Deputada Provincial.

 

Por qué te presentas á alcaldía de Ourense?
Despois de ter sido elexida concelleira do Concello de Ourense no 2003 na oposición e ocupar dende o 2007 tarefas no goberno local tócame agora encabezar a candidatura do Bng para as vindeiras eleccións municipais e aspirar a ser a primeira alcaldesa da miña cidade, papel que asumo co convencemento de que Ourense precisa que se continúe e complete o labor encetado neste mandato: apostar pola mellora das condicións de vida da cidadanía,especialmente das persoas e colectivos máis desfavorecidos, en aspectos básicos como a creación de emprego, o benestar social, a igualdade. E porque dende as alcaldías contribúese á construcción da nación e á defensa dos seus sinais de identidade, lingua, cultura e territorio.

Qué cambios vas impulsar no teu concello dende o goberno municipal?
Ourense ten experimentado dende 2007 un cambio transformador manifestado sobre todo no requilibrio entre as distintas zonas do termo municipal, e a anteposición dos interese da cidadanía por enriba de todo, nunca antes visto cos gobernos do PP. Agora toca aprofondar na política desenvolvida na acción de goberno actual: transparencia e honestidade na xestión pública, dar solución ás preocupacións da poboación e fomentar a participación activa e directa da cidadanía e dos colectivos cidadáns en todos os ambitos de actuación local.

Por qué militas no nacionalismo?
Milito no nacionalismo de esquerdas (no ámbito político, sindical, cultural, medioambiental...) polo convencemento de que só dende as teses nacionalistas pódese garantir a defensa do país, dos seus sectores productivos, dos seus sinais de identidade, lingua, cultura e territorio, e asegurar a defensa da cidadanía, do pobo, antepondo o interese público ao privado. Só o nacionalismo é quen de impulsar políticas transformadoras que fortalezan o noso carácter nacional e apostar polo benestar e a mellora das condicións de vida da cidadanía.

Cal é o papel do BNG na política local?
Dar solución aos problemas da sociedade e servir ao proxecto político do nacionalismo. O traballo municipal non debe centrarse só na xestión administrativa e burocrática, senón na implementación do noso proxecto político na vida municipal. O carácter nacionalista da nosa organización débese plasmar en iniciativas políticas concretas e nun proxecto de Concello inserido nunn proxecto nacional, que introduza na sociedade debates sobre propostas que permitan acrecentar a nosa base social. E por suposto débese aboradar dende a política local unha alternativa á crise económica que padecemos e que aos concellos nos vai influir moi directamente. Esta alternativa pasa tamén por garantir a mellora da calidade de vida da veciñanza: lecer, cultura, zonas verdes, seguridade e tráfico.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]