VIGO: Santiago Domínguez Olveira

Santiago Domínguez Olveira

Vigo, 25 de xullo de 1964.

Tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, Turismo, Industria e Comercio do Concello de Vigo.

Iniciou a súa traxectoria como concelleiro no Concello de Vigo no ano 1995. No período 1999-2003 foi responsábel das concellerías de Deportes, Xuventude, Sanidade e Consumo. Dende xullo a outubro de 2003 foi concelleiro de Cultura.

Foi director xeral para o Deporte da Xunta de Galiza entre os anos 2005 e 2007, etapa na que se disputaron os primeiros partidos da selección galega e se fundou o equipo profesional de ciclismo galego.

Santiago Domínguez Olveira milita no nacionalismo dende mozo. En 1979 ingresou en ERGA e mais tarde foi presidente do Movemento de Estudantes Cristiáns Galego en Vigo. Tamén formou parte do Movemento de Irimia co Pai Seixas.

Afiliado ao Bloque Nacionalista Galego no ano 1990, forma parte do Consello Local do BNG.

A súa traxectoria profesional estivo ligada sempre ao ensino e á formación. Diplomado en Ensino, traballou como profesor de galego, inglés e lingua española no colexio San José de Teis, onde coordinaba o equipo de Normalización Lingüística e fundou o Club de Baloncesto San José. Posúe o título de adestrador nacional de baloncesto.

 

1.Por que te presentas á alcaldía de Vigo.
Tras o labor desenvolvido nestes últimos catro anos penso que aínda teño algo que aportar á miña cidade. Quero seguir traballando para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas, como fixemos dende o Bloque Nacionalista Galego neste tempo. Eu quero ser alcalde de Vigo porque esta é unha cidade que precisa do BNG para seguir avanzando, para impulsar os seus sectores produtivos e para apoiar a xente que máis o necesitan. Encabezo un grupo de homes e mulleres que fixeron unha magnífica xestión en todas as áreas nas que tiveron responsabilidade. Teño máis ilusión que cando me presentei por primeira vez para dar continuidade a ese traballo e para que Vigo teña de novo un alcalde nacionalista.

2.Que cambios vas impulsar no teu concello dende o goberno municipal?
O BNG implantou neste mandato un novo xeito de facer política en Vigo. O noso foi un traballo para a xente. Os nosos esforzos centráronse en atender as súas necesidades, en dar resposta as súas demandas e en apoiar aos colectivos e sectores que máis o precisan. Imos seguir afondando nese camiño, desenvolvendo políticas que resolvan os problemas reais da cidadanía. A nosa non vai ser unha política de anuncios e promesas, nós faremos realidade os nosos compromisos como xa fixemos neste mandato. Especialmente nesta época de difícil situación económica unha das nosas prioridades vai ser reforzar o noso apoio aos sectores que máis fondamente están soportando a crise e aos colectivos que sofren as súas consecuencias.

3.Por que militas no nacionalismo?
Síntome nacionalista. Esa é a principal razón. A miña nación e Galiza e o nacionalismo é o único proxecto político que pode facer que a miña nación acade todo aquelo que lle corresponde. Só dende o nacionalismo se fan políticas pensadas para e por o noso país e para a nosa xente. Coa miña militancia no nacionalismo quero contribuír a facelo realidade.

4.Cal é o papel do BNG na política local?

O Bloque Nacionalista Galego é unha forza transformadora. Nós traballamos transformando a realidade para mellorar o benestar dos nosos veciños e veciñas. Para nós non é suficiente ir poñendo parches con solucións puntuais. A nosa política chega ata a orixe do problema, porque só así se pode facer un labor eficaz para a cidadanía. Pero o BNG é tamén a formación que aporta á coherencia á política local. Lonxe de localismos mal utilizados unicamente con fins electorais, nós aportamos á política local a visión galega. Só dende esa perspectiva é posible unha xestión eficiente. Os nacionalistas somos os únicos que temos claro que Vigo sairá sempre beneficiado se Galiza vai mellor, e Galiza irá mellor se Vigo avanza.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]