Dignificación da vida política municipal

Debe ser obxectivo dunha Corporación municipal o conferirlle aos grupos políticos con representación municipal o papel de actores ordinarios ante os seu propios órganos, e obter medios económicos e materiais do Concello para poderen desempeñar as súas funcións de forma digna e eficaz. A importancia deste segundo factor é evidente: a falta duns medios materiais básicos –económicos, persoais e infraestruturas- pode repercutir nunha grave diminución da capacidade de acción dos grupos políticos, sobre todo en detrimento daqueles que representan opcións non maioritarias no seo da Corporación.

Estas dotacións deberán ser destinadas por acordo do Pleno da Corporación e recollidas no Regulamento Orgánico Municipal, no caso de que exista. Lembramos o que a este respecto indica a Lei de Administración Local de Galiza no seu Artigo 79), sobre locais a disposición dos grupos municipais. Tamén, o artigo 73.3 da Lei de Bases de Réxime Local atribúe a potestade de asignar unha dotación económica aos grupos políticos municipais polo Pleno da Corporación, indicando ademais que, a distribución desta asignación, deberá contar cun compoñente fixo idéntico para os grupos e outro variábel, en función do número de concelleiros e concelleiras.

Por outra parte, os/as membros da Corporación poden percibir retribucións en réxime de dedicación exclusiva ou parcial, vinculadas ao desenvolvemento de tarefas de responsabilidade, que son incompatíbeis con calquera outra retribución a cargo das Administracións Públicas, entes ou organismos dela dependentes, e implican ademais a cotización social por parte do Concello.

"Hai que dignificar a vida política municipal, fuxindo sempre do uso de argumentos demagóxicos e oportunistas, e de acordos inxustos e discriminatorios"Ademais, os concelleiros e concelleiras que non teñan asignada a dedicación exclusiva ou parcial percibirán asignacións económicas (indemnizacións) pola concorrencia efectiva a sesións de órganos colexiados da Corporación: Plenos, comisións, xuntas de portavoces, consellos municipais, escolares ou de administración municipal…
Tamén, os/as membros da corporación poderán percibir dietas no suposto de desprazamentos polos gastos efectivos ocasionados no exercicio do seu cargo (quilometraxe, viaxes, manutención…), segundo as normas de aplicación xeral nas Administracións Públicas. En todo o caso, exclúense calquera outro tipo de retribucións, impedindo a creación de figuras análogas como as ‘compensacións’ ou ‘asistencias a despacho’, e limítase claramente a liberdade dos concellos para poderen flexibilizar e deturpar ese réxime básico de remuneración dos/as seus/súas membros.

Nalgúns concellos é práctica habitual non recoñecer, ou ben limitar, estes dereitos aos grupos políticos e aos/as membros das corporacións, co único obxectivo de condicionar a eficacia da acción política dos grupos que non están no goberno. Mais, tamén ten acontecido que dende a oposición se teñen promovidos acordos para reducir ou eliminar as retribucións dos/das membros do goberno, coa intención de obstaculizar o desenvolvemento da acción política. Non deixan de ser decisións demagóxicas, inxustas e discriminatorias, que desfavorecen a calidade democrática da Corporación. Mais, tamén adoita reflectir unha incapacidade política dos grupos municipais que promoven isto, ben dende o goberno, ben dende a oposición. Tampouco deben promoverse esas reducións sen coñecemento dos órganos de dirección comarcal ou nacional, porque a veces responden a “gobernar desde a oposición” ou a posturas demagóxicas de escaso aforro económico e prexuízo para exercer a nosa acción política local, comarcal e nacional.

Algunhas veces acontece que a concreción dos dereitos económicos dos grupos municipais e dos membros das corporacións son motivo de debate político, na procura do desgaste do adversario. No BNG cremos se deben contextualizar estas confrontacións políticas no marco da capacidade financeira do concello, do contexto socioeconómico e dos principios de dignificación da vida política municipal, fuxindo sempre do uso de argumentos demagóxicos e oportunistas, e de acordos inxustos e discriminatorios.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]