A política municipal non se fai nos xulgados

Hai veces que nos atopamos en circunstancias políticas que parecen ter boa e rápida solución a través dunha sentenza xudicial. Mesmo nos aparece alguén aconsellando remitir a acción municipal a actuacións na vía xudicial, diante de declaracións ou resolucións dos nosos adversarios que non son do noso gusto ou están tinxidas de irregularidades.

Mais, a xudicialización da vida política municipal non é útil e mesmo pode revelar a incapacidade para dar resposta política a situacións concretas. Pode trasladar unha mensaxe de fracaso, de incapacidade para actuar politicamente. Por iso, recorrer ás instancias xudiciais para que corroboren ou avalen un discurso político ou, para desprazar a un alcalde ou alcaldesa do goberno a través dunha hipotética sentenza xudicial, mesmo pode producir efectos contrarios ou contraproducentes.

Moitas veces hai feitos politicamente moi reprobábeis, mais non teñen porque selo penalmente nos xulgados. Cando en política alguén recorre a un xulgado, en moitos casos, o que fai é delegación de debates e decisións políticas dos ámbitos propios a outros de distintas características. Con isto o que se consegue é neutralizar a acción política até que os tribunais decidan, e mesmo, dotar de argumentos ao adversario político, quen sempre pode recorrer a que cómpre esperar por sentenza xudicial até avanzar na resolución do asunto. Tampouco hai que desbotar que a sentenza recaia a favor do noso adversario, dándolle forza a un tema que politicamente é reprobábel, e freando a acción política que deu lugar a iso.

"Hai que evitar a xudicialización da vida política"Moitas veces quen acode a un xulgado está transparentando unha incapacidade de acción pola vía política, para resolver un problema, para derrotar a un goberno… Non adoita ser difícil para o adversario político transmitir a idea de incapacidade, de falta de apoios cidadáns, de botar man de “atallos”… A mellor sentenza que se pode dar en política é o a opinión e a vontade da cidadanía, e sobre todo, o veredicto das urnas.

En calquera caso, as accións xudiciais deben corresponderlle directamente á cidadanía afectada, e, polo tanto, podemos traballar no suposto de casos extraordinarios en organizala para darlle resposta social, política e xudicial, e se cabe acompañalos.

Calquera outra decisión que se aborde para recorrer á instancia xudicial debe ser adoptada polos órganos de dirección do BNG, e debe ser, ademais, nun contexto onde a gravidade do asunto, a opinión da cidadanía e a responsabilidade no exercicio de representación política obriguen; e tamén, o ser o litixio xudicial o único recurso que quede e que se fai imprescindíbel usar.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]