Mercedes Peón, Manuel Lourenzo e o Laboratorio de Formas, Premios Nacionais de Música, Artes Escénicas e Iniciativa Cultural


Santiago de Compostela, 30 Maio 08.-] O xurado dos Premios Nacionais da Cultura Galega outorgou tres novos galardóns, os únicos que faltaban por coñecer. Os premiados son Mercedes Peón (Música), Manuel Lourenzo (Artes Escénicas) e o Laboratorio de Formas (Iniciativa Cultural). Os dez galardonados recibirán os premios nunha gala que terá lugar en Santiago o sábado 14 de xuño.

O xurado dos Premios Nacionais dediciu outorgarlle a Mercedes Peón o galardón na categoría de Música, por ser unha gran intérprete pluriinstrumentista que partindo da música tradicional soubo crear unha nova linguaxe que coloca a música galega na vangarda internacional. Mercedes Peón é sen dúbida unha das figuras máis representativas da música galega nos inicios do século XXI, tanto polo seu traballo de investigación e divulgación de pezas tradicionais case esquecidas, como na súa aposta pola renovación da música popular galega, logrando unha gran proxección fóra do país.

Na categoría de Artes Escénicas, os membros do xurado escolleron como premio nacional ao polifacético Manuel Lourenzo, por ser o pai do teatro independente galego e destacar como actor, director, dramaturgo, autor de textos teatrais e ademais desenvolver un importante traballo de base como profesor. As súas contribucións á escena galega son abundantes e notables en todos estes campos, desde que en 1965 formara a súa primeira compañía, Grupo de Teatro O Facho, ata o traballo que desenvolve na actualidade con Casahamlet.

O premio na categoría de Iniciativa Cultural recaeu no Laboratorio de Formas, por darlle continuidade ao Seminario de Estudos Galegos e polo carácter de identidade e modernidade que lle imprimiron os seus creadores: Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane e Andrés Fernández-Albalat. O Laboratorio creou unha linguaxe de deseño que, ante o actual proceso uniformador global proxecta formas con raíz que achegar á cultura universal.

Listaxe completa

Con estes novos tres recoñecementos, xa está completa a listaxe de galardóns dos Premios Nacionais da Cultura, que queda como segue:
Arquitectura e espazos públicos: Manuel Gallego Jorreto
Artes escénicas: Manuel Lourenzo
Artes visuais: Francisco Leiro
Cine e audiovisual: Margarita Ledo
Cultura tradicional e de base: Museo do Pobo Galego
Iniciativa cultural: Laboratorio de Formas
Literatura: Xosé Luís Méndez Ferrín
Música: Mercedes Peón
Patrimonio cultural: Remodelación urbana de Pontevedra
Pensamento e cultura: Francisco Díaz-Fierros.

Cultura convoca estes Premios coa finalidade de facer unha mención pública a aquelas persoas ou colectivos que se teñan destacado no enriquecemento da cultura galega, tanto coas súas obras como coa súa participación en distintas iniciativas no eido da creación ou do fortalecemento do noso patrimonio cultural. Os seleccionados foron escollidos entre as máis de 200 candidaturas presentadas, ademais das propostas polos propios membros do xurado. Os galardóns, de carácter anual, teñen unha dotación de 15.000 euros.

Xurado único

O xurado está formado por 15 profesionais de recoñecido prestixio e representativos de cada sector da cultura nas actividades obxecto dos respectivos premios. E configúrano os seguintes: María Xosé Agra Romero, catedrática de Filosofía Moral e Política da USC; Rosario Álvarez, catedrática de Filoloxía Galega e directora do Instituto da Lingua Galega; Xosé Ramón Barreiro, catedrático de Historia Contemporánea da USC e presidente da Real Academia Galega; Xosé Luís Barreiro Rivas, profesor e director do Departamento de Ciencias Políticas da USC; Xosé Manuel Buxán, profesor de Escultura na Facultade de Belas Artes da UV; María Bouzas, actriz e presidenta da Academia Galega do Audiovisual; Domingo Docampo Amoedo, catedrático Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da UV; Laura Tato, profesora de Filoloxía e Humanidades da UDC; María Isabel Fraga Vila, directora do Museo de Historia Natural Luis Iglesias da USC; Celestino García Braña, arquitecto e decano do Colexio de Arquitectos de Galicia; Ana Romaní, escritora e xornalista; John Rutherford, tradutor, escritor e profesor do Queen’s College da Universidade de Oxford; Felipe Senén López, museólogo e xestor cultural; Xurxo Souto, músico e escritor; e Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da USC e presidente do Consello da Cultura Galega.


Imprimir