Oroso acolle unha exposición de trinta gravados do II Premio Internacional de Arte Gráfica "Jesús Núñez".
Oroso, 8 de nadal de 2008. O alcalde en funcións de Oroso, o nacionalista Xosé Manuel Pérez, e o deputado provincial Xosé Luis García inauguraron este venres, 5 de decembro, ás 20:30 horas, a exposición coas obras seleccionadas do II Premio Internacional de Arte Gráfica “Xesús Núñez”, que organiza a Deputación da Coruña.
O Fernando Casas e Novoa de Oroso acolle un total de 30 creacións, que foron seleccionadas do conxunto das 194 obras que se presentaron a este premio de arte gráfica.
A exposición presenta un amplo panorama creativo que fala das posibilidades da arte gráfica, estando presentes as súas principais técnicas: calcografía, litografía, serigrafía e xilografía, así como as súas derivacións. Entre as obras que se exhibirán en Sigüeiro destaca “Scratch”, do artista italiano Arístide Stornelli, gañador do certame. Trátase dunha serigrafía a cor, realizada nos obradoiros de Bilbao/Arte, e que constitúe unha novidade para un certame gráfico, o que revela o carácter universal da arte do gravado.
Na motra tamén se exhibirán as dúas creacións que obtiveron un accésit: “Al borde”, de Miriam Cantera e realizada no taller madrileño ElMonodela Tinta; e “Solo Base, da arxentina Marina Rothberg. Tres obras que foron exhibidas na Feira da Estampa de Madrid, cita internacional dos especialistas do gravado.
Tamén haberá presenza de artistas galegos na exposición: Yolanda Dorda (A Coruña), Cristina Brea Lodeiro (Vigo); Asun Parrilla (A Coruña) e José Andrés Santiago Iglesias (Santiago de Compostela). Entre outros participantes tamén figuran Diana Aitchisón, Javier Aranguren, David Arteagoitia, Graciela Buratti, Pablo Casado, Valeria Castellet, Pablo Delfín, Pablo Flaizman, Luis Filie Folgado e Beatriz Gratta.