O BNG de Ames reúne á Directora Xeral de Comercio cun cento de comerciantes amienses
A Concelleira do BNG de Ames Olalla Alvite, e Xosé M. Fernández, Portavoz municipal, con Ana Rúa, Directora Xeral de Comercio
Neste senso, a Directora Xeral de Comercio insistiu na importancia de que a nova Lei de Ordenación do Comercio Interior de Galiza “teña en conta as necesidades e a estructura territorial do noso país para garantir a competitividade do sector”. Rúa destacou tamén a entrada en vigor da normativa de horarios como ferramenta para facer fronte ás grandes superficies.
Ana Rúa: "é importante que a nova Lei de Ordenación do Comercio Interior de Galiza teña en conta as necesidades e a estructura territorial do noso país para garantir a competitividade do sector”
Asimesmo, a Directora Xeral puxo de manifesto o compromiso do seu departamento co comercio galego, cunha inversión media en axudas directas de 25 millóns anuais nas últimos tres anos que fundamentalmente se destinaron á mellora do urbanismo comercial ou implantación de tecnoloxías nos establecementos. En concreto, o comercio amiense recibiu máis de 150 mil euros da Dirección Xeral de Comercio.
No 2009 incrementarase nun 16% a inversión real no sector do comercio
Segundo Ana Rúa, “non corren tempos fáciles, pero temos que xerar confianza no consumidor”, así anunciou que no 2009 se incrementará nun 16% a inversión real no sector do comercio, ate alacanzar os 34,3 millóns, xa que “temos que afrontar conxuntamente cos comerciantes a crise económica, polo que afondaremos nas actuacións directas de promoción e animación comercial”.
A Directora Xeral aproveitou tamén para informar aos comerciantes sobre o Selo de Calidade do Comercio Galego que “máis aló de incidir na competitividade do comercio tradicional, fomenta valores engadidos como elementos diferenciadores dos comercios retallitas, certificando que prestan un servizo de calidade, responsable socialmente e comprometido cuns consumidores e consumidoras cada vez máis esixentes”.