O BNG amplía a proposta para o fondo estatal

Logo de presentar unha proposta inicial, o BNG de Padrón ampliou onte a lista de posibles actuacións a incluír no fondo estatal de investimentos locais, que deixará neste concello 1,5 millóns de euros. O portavoz nacionalista, Xoán Santaló, precisou que as propostas do seu grupo non están incluídas na valoración inicial feita pública polo goberno padronés.

Deste xeito, o BNG fala de dotar de lousado rústico a rúa denominada Camiño do Peregrino que, na actualidade, está pavimentada con formigón salvo no tramo que está atravesado pola ruta de ascenso ao monte Santiaguiño, segundo o grupo nacionalista. Menciona, en segundo lugar, dotar de beirarrúas ao colexio de Educación Infantil e Primaria Rosalía de Castro xa que, desde a estrada Padrón-Rois, pais, alumnos e traballadores do centro «deben circular pola vía para chegar ao colexio». Para rematar, o grupo municipal do BNG propón eliminar todos ou polo menos parte do máis de medio centenar de verteduras de lixo «localizados e publicitados polo noso grupo», segundo o edil Xoán Santaló.

A formación nacionalista tamén presentou onte no Concello un escrito no que solicita que se reparen, canto antes, cinco puntos de luz estragados en Herbón, na pista que conduce desde a AC-242 ata o convento franciscano.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]