O BNG de O Pino denuncia a situación dos vertidos ao río Xerma e pídelle ao Alcalde que asuma a súa responsabilidade.
O Pino, 11 novembro de 2008. Fíxose pública a pasada semana a denuncia de ADEGA diante de Augas de Galiza contra o Concello de O Pino polos vertidos ao río Xerma, sen ningún tipo de tratamento. Razón esta pola que o Concello non pode outorgar licencias de primeira ocupación. O Alcalde, Manuel Taboada declarou que todo estaba en regra.
Diante desta situación o BNG de O Pino quere manifestarse:
Primeiro, é falso que as vivendas de Pedrouzo, en Arca, que teñan licenza de primeira ocupación, como se pode constatar nos catro bloques da rúa Codesal número 2, os número, 5, 31 e 42, da rúa de Santiago, número 7 do Edificio dos Mollados e a segunda fase do Edificio Xardín, portal 2, da rúa nova.
Segundo; non existen foxas sépticas como se afirma dende a Alcaldía, senón que todas as augas residuais das novas construcións van directamente a un regato.
Terceiro; que o goberno municipal renunciou no ano 2004 a unha depuradora concedida pola Deputación da Coruña, que xa estaría en funcionamento a espera de que FADESA fixera outra como compensación de obra polo polígono, e que, dada a situación da empresa, non ten visos de iniciarse.
Por último, xa que o Concello decidiu non romper o convenio con Martinsa FADESA, cando a lexislación si que llo permite, demandamos que se persone no concurso de acredores a fin de garantir a realización das obras pendentes.