O BNG pidelle a Ames que apoie o manifesto “ Galiza ten dereito”

O BNG de Ames ven de presentar unha moción para que o Pleno Muncipal se apoie o manifesto “ Galiza ten dereito”, asinado polos sindicatos CIG, CCOO, UGT, polas organizacións políticas BNG e PSOE e pola Confederación de Empresarios de Galiza (CEG), o dia 5 de febreiro, un amplo e plural abano da sociedade galega.


O proceso de reordenación bancaria que se está a producir no Estado Español ten consecuencias inmediatas tamén en Galiza, e conleva o risco de que os galegos e galegas perdamos as nosas caixas de aforros pola deslocalización dos seus centros de decisión, e que estas entidades de carácter social se transformen en entidades financeiras privadas.


O Parlamento de Galiza aprobou por ampla maioría unha reforma da Lei de Caixas que democratiza estas institucións, fai a súa xestión máis transparente, reforza as faculdades do autogoberno para defender o sistema financeiro propio e supervisar a actuación das caixas, e que garante que estas entidades sexan efectivamente alavancas de desenvolvimento da economía produtiva do País.


A resposta do Goberno central a este acto de afirmación do autogoberno galego non pode ser máis desalentadora: presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas de Galiza que conleva a paralización da súa aplicación nun momento decisivo, o que pode colocalas na situación idónea para que sexan absorbidas por entidades foráneas.


O BNG de Ames comparte as ideas centrais do documento: Galiza ten dereito a ter un sistema financeiro eficiente ao servizo do País, a que o Estado respecte o autogoberno galego, e a propiciar a fusión das súas caixas, porque está en xogo boa parte do noso futuro, a dignidade do noso autogoberno e perto de 80.000 millóns de euros en activos, isto é, a maior parte do aforro das galegas e dos galegos.


Os concellos galegos, como entidades representativas dos cidadáns e ademais directamente interesadas en contar con entidades financieras solventes e galegas, non poden quedar á marxe deste procesión histórico de defensa das caixas de aforro galegas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]