O grupo de goberno aprobou a listaxe de obras que se realizarán con cargo ao Fondo Estatal.

Entre as actuacións previstas destacan obras de recuperación medioambiental e paisaxística de varias zonas do Concello. Está previsto demoler a vella depuradora dos Verxeis e recuperar a zona da ribeira ou a substitución do colector de saneamento en Feros (Cacheiras). Outra acción que se encadra no eixe de actuación ambiental é a instalación dunha planta de compostaxe no Punto Limpo.

O acondicionamento de espazos naturais, paisaxísticos e de elementos patrimoniais permitirán mellorar o aspecto de áreas como A Burga, Xirimbao, Mouromorto, e zonas de Reis e Bamonde.

Outra das actuacións previstas é a construción dun centro de uso comunitario nos Tilos e o acondicionamento da zona verde e deportiva. A urbanización dos Tilos conta neste momento con máis de 2.000 persoas empadroadas e ata o momento non conta con ningún local municipal. Este novo edificio permitirá mellorar a relación entre a veciñanza e o propio concello e incrementará a programación de actividades municipais nese entorno.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]