O BNG advirte de que a Xunta xa denunciaba no 2007 o incremento de alturas e de edificabilidade da modificación do Plan Parcial de Eirís

A Coruña, 11 de setembro do 2011.- Tal e como se pon de manifesto no documento que se adxunta a esta nota, a Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galiza, en informe emitido o 23/10/2007, xa alertaba sobre o incremento de alturas e edificabilidade da Modificación do Plan Parcial de Eirís e do seu impacto sobre a integración paisaxística, tal e como vén de denunciar tamén o Grupo Municipal do BNG, adiantando o seu voto negativo no Pleno de mañá luns.

A Xunta, no seu informe de outubro de 2007, poñía de manifesto que coa nova ordenación que se pretendía na Modificación "....podería estarse incrementando a edificabilidade definida polo plan parcial, debido ao diferente tratamento que se lle outorga aos espazos libres de parcela privada (os zócalos), ademais de que se incrementan as alturas máximas da edificación", e todo isto, nunha zona que para a Xunta, "...polas súas condicións topográficas ten unha incidencia considerábel na fronte litoral...".

O informe conclúe que tendo en conta os obxectivos da Modificación, coa ordenación proposta na Modificación "...xorden dúbidas sobre si estas medidas de integración non poderían ser aínda máis efectivas no caso de que non se producise un incremento da edificabilidade e de alturas máximas de edificación".

A que se debe o incremento da edificabilidade?

O incremento de edificabilidade que sinala o informe da Xunta débese a que as plataformas ou zócalos, sobre os que se asentarían as edificacións, ao estar sobreelevados sobre o terreo deben computar edificabilidade (así o estabelece o art. 46.6 da Lei 9/2002, LOUG), mentres que na Modificación sometida a Pleno non computan.

O BNG considera que a aprobación da Modificación, co incremento de plantas e alturas, vai amparar a futura construción de 8 mamotretos (4 deles en 4 plantas e outros 4 de sete plantas), unha auténtica agresión visual nunha zona especialmente sensible do litoral coruñés, ademais de afectar gravemente ás vistas desde os terreos colindantes e desde os viarios públicos.   

Os nacionalistas sinalan que a Modificación do Plan Parcial non ten outro interese que un mellor e maior aproveitamento urbanístico para os promotores privados. E é que non hai razón ningunha de interese público que poida xustificar esta Modificación.

O BNG advírtelle ao Goberno municipal das eventuais consecuencias que da aprobación definitiva desta Modificación poderían derivarse, caso de que sexa recorrida xudicialmente esta Modificación ou as licenzas de obras que se outorguen posteriormente.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]