O Goberno local pretende regalarlle 17 pisos de máis a Fontenla

A Coruña, 10 de setembro de 2011.- No Pleno deste luns trataranse dúas modificacións do Plan Parcial de Someso das que unicamente se  benefician os promotores privados. De aí que o Grupo Municipal do BNG avance xa o seu voto contrario a ambas as modificacións. E é que unha delas, permitirá que Fontenla constrúa 17 vivendas de máis nun solar, e a outra facilitará construír máis vivendas e un mellor aproveitamento a un conxunto de promotores, sen que en ambas as dúas o Concello da Coruña obteña nada a cambio.

Na primeira das modificacións do Plan Parcial de Someso, promovida pola entidade Canovan Patrimonios S.L (cuxo administrador e propietario é Antonio Fontenla), o Grupo Municipal do BNG denuncia que se pretende cambiar a ordenación urbanística dunha parcela da súa propiedade, de xeito que onde o Plan Parcial vixente (de 2004) permitía a construción dunha torre de 20x30 metros (en Baixo+16 plantas+Baixo Cuberta), agora váiselle aumentar as dimensións da torre a 20x35 metros. Ou o que é o mesmo, 100 m2 máis por cada planta de vivendas, o que equivale a unha vivenda máis por planta, 17 vivendas máis en total.

Os nacionalistas advirten de que no documento sometido a Pleno se pretende xustificar tal modificación na consideración de que o Plan Parcial do 2004 tiña un “erro” e que agora non interesa construír usos comerciais (dada a saturación da zona), polo que toda a parcela se destinará ao uso global residencial. Porén, onde o Plan Parcial vixente unicamente autorizaba nese caso unha torre de 20x30 metros agora Fontenla vai poder construír un edificio de 20x35 metros. Trátase dun edificio (Torre Canovan) que, por certo, con esas novas dimensións, xa foi publicitado e ofertado en venta polo Sr. Fontenla desde hai tempo, moito antes de que esta modificación se levase a Pleno.

Tal modificación, sen a máis mínima xustificación de interese público, non é máis que un “regalo” do Concello ao Sr. Fontenla, quen, se fose agradecido, debería, como mínimo, abonar as facturas de taxis do goberno municipal durante os vindeiros 50 anos.

A segunda das modificacións beneficia un grupo de promotores privados

Na segunda das modificacións, promovida por un grupo de catro promotores da urbanización (entre eles tamén o Sr. Antonio Fontenla), preténdese agrupar as edificacións previstas en tres parcelas, todas elas destinadas a vivendas de protección, pasando a ser unicamente dous os edificios previstos.

Aínda que no documento da modificación se sinale que o aproveitamento é o mesmo, a realidade é que ao concentrar o aproveitamento en dous edificios (en vez de tres) posibilítase un maior número de vivendas e prazas de garaxe, ao dispoñer de maior superficie útil dispoñíbel (polo mellor aproveitamento dos espazos comúns). Isto obriga tamén a modificar as concesións de dominio público do subsolo público que o Concello tiña outorgado aos promotores. O proxecto de compensación debe ser tamén modificado.

O BNG denuncia que o Goberno municipal do PP pretende aprobar unha modificación do Plan precisamente nas parcelas que foron vendidas polo Concello en outubro de 2004 á Xunta de Compensación (presidida polo Sr. Fontenla), cando os promotores incumpriron manifestamente as condicións da venta. E é que xa no acordo municipal de venta estabelecíase un prazo máximo de seis meses para ter solicitado licenza de obras, a contar desde a aprobación definitiva do proxecto de compensación (que tivo lugar o 10/10/2005), e dous anos máis para finalizar as obras. É por iso que os promotores terían que ter finalizada a construción dos edificios solicitado licenza xa hai 6 anos e os edificios terían que estar rematados en abril do 2008, cando a realidade é que na zona destinada a vivenda de protección unicamente se construíu un edificio.

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que non só os promotores incumpriron os prazos para construír as vivendas de protección, senón que agora o Goberno presidido por Negreira pretende modificar o Plan para que os promotores poidan obter un mellor aproveitamento urbanístico e poder construír máis vivendas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]