O BNG presenta unha moción na que insta a condenar o franquismo, a retirarlle os títulos aos golpistas e a retirar toda a simboloxía franquista

A Coruña, 10 de setembro de 2011.- No Pleno municipal do luns debaterase a instancias do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego unha moción sobre a condena da ditadura franquista, a retirada da concesión de honores e distincións a distintos fascistas e a retirada da simboloxía franquista da cidade, recollendo a iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica.

Os nacionalistas lembran que o Pleno do 7 de setembro de 2009 aprobou, sen ningún voto en contra, e en aplicación da Lei da Memoria Histórica, a eliminación de máis de 50 símbolos franquistas, entre eles, 23 rúas da cidade. Dous anos despois, e case catro despois da aprobación da citada lei, aínda está sen cumprir este acordo plenario. “Estamos ante un caso realmente insólito na historia do municipalismo no Estado español”, apunta o BNG.

Ademais, o Grupo Municipal nacionalista alude á unanimidade que se deu no Pleno do 5 de abril do 2010, cando decidiu personarse ante os tribunais para presentar escrito de oposición ao recurso presentado ante o xulgado do Contencioso Administrativo pola Asociación Cultural e Deportiva de Veteranos de la Legión, que pretendía manter as distincións honoríficas a Millán-Astray. “Estamos ante un caso de vontade política, que non se pode camuflar baixo a ropaxe de cuestións xurídicas ou problemas técnicos”, sinala.

O BNG apunta na moción que “o tema de fondo é que se necesita vontade política para retirar esa distinción honorífica, deixando ben claro ante a cidadanía que o concello da Coruña vai ter tolerancia cero co franquismo”.

Os nacionalistas poñen de manifesto que as autoridades públicas deberían dar exemplo no cumprimento das leis, “cousa que non se fai na Coruña, onde o concello mantén un escudo franquista no palacio municipal, que é ilegal desde hai trinta anos. Este mesmo escudo xa foi retirado en numerosos edificios públicos”.

É por iso que o BNG insta o Concello a facer unha condena do franquismo e das graves violacións de Dereitos Humanos cometidas até 1975, de conformidade co que recolle a Lei de Memoria Histórica na súa exposición de motivos, cando dispón que ninguén pode sentirse lexitimado, como ocorreu no pasado, para utilizar a violencia coa finalidade de impor as súas conviccións políticas e establecer réximes totalitarios contrarios á liberdade e dignidade de todos os cidadáns, o que merece a condena e repulsa da nosa sociedade democrática.

A recorrer, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº3 de 1 de xullo de 2011 (comunicada o 28 de xullo) para evitar que dita sentenza gañe firmeza e que o concello, en consecuencia, teña que proceder, en consecuencia, a súa execución, é dicir, a devolver a José Millán-Astray y Terreros a distinción de “Fillo Predilecto”.

A Retirar no prazo de tres meses o escudo franquista, ilegal desde hai trinta anos, da vidreira da escaleira principal do palacio municipal de María Pita; a retirar os retratos dos dous primeiros alcaldes franquistas, José Fuciños Gayoso e Hernán Martín-Barbadillo, pola súa participación na criminal represión, tal e como aprobou, por unanimidade, a Comisión de Expertos, a retirar, no prazo dun mes, as placas das rúas franquistas que xa teñen aprobada a rúa da súa substitución no pleno da corporación municipal e a retirar, no prazo de tres meses, o resto das placas e símbolos franquistas, previa aprobación polo pleno das rúas alternativas.

Esta moción súmase ás presentadas polos nacionalistas sobre o IES Paseo das Pontes e sobre a residencia universitariaMoción IES Paseo das Pontes

Pola outra banda, recollendo o sentir da comunidade educativa do IES Paseo das Pontes, o BNG rexistrou xa no mes de xuño unha moción para lle solicitar á Xunta de Galiza que manteña as ensinanzas da ESO e Bacharelato neste centro, que é o único instituto público do barrio e da súa área de influencia.

A decisión unilateral da Xunta de converter o IES nun centro integrado de FP foi tomada de costas á comunidade educativa e supón a supresión de máis 250 prazas da ESO e de Bacharelato neste IES, a pesar de que hai espazo suficiente no centro para dotar 44 prazas de FP sen necesidade de eliminar as citadas prazas da ESO e de Bacharelato.

Os nacionalistas lembran que o alumnado, segundo a normativa vixente, ten dereito a rematar a súa escolarización no centro en que a iniciou e denuncian que se verá agora obrigado a se desprazar a outros IES da cidade da Coruña, con todos os problemas de mobilidade e o aumento da ratio alumnos/profesores que esta medida supón.

Moción residencia universitaria

Ademais, os nacionalistas, recollendo o convite da Universidade da Coruña, rexistraron xa no mes de xuño unha moción para lle solicitar á Xunta de Galiza que adopte as medidas oportunas para que a UdC, ao igual que o resto das universidades galegas, conte cunha residencia universitaria pública e xestionada pola propia universidade.

O Grupo Municipal do BNG considera unha mala noticia a renuncia da Xunta á construción dunha residencia universitaria pública –publicada no DOG o 13 de xuño do 2011. O BNG considera que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior e a necesaria internacionalización dos estudos esixen contarmos con infraestruturas residencias propias, sustentábeis e accesíbeis para quen teña un menor nivel de renda.

Na exposición de motivos, os nacionalistas non esquecen a veciñanza de San Vicenzo de Elviña, á quen sería moi difícil explicarlle a expropiación das súas terras e das súas casas para a construción dunha residencia privada concibida como un negocio.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]